O candidato socialista á Alcaldía de
Fene presentou unha serie de compromisos encamiñados á rexeneración ética da
xestión política
O candidato
socialista á alcaldía de Fene, Antón Noceda, quere rachar radicalmente coa
crenza popular de que os políticos intentan acceder aos cargos públicos para
enriquecerse. A súa posición a ese respecto é meridiana: non só se amosa
convencido de que “á política hai que ir con vocación de servizo á cidadanía e
non para vivir dela”, senón que hoxe anunciou publicamente cal sería o seu
salario como alcalde. “No caso de ser alcalde _dixo_ nunca cobrarei máis que no
meu traballo actual”. Pero as propostas do candidato socialista de Fene ao
respecto van máis alá. Así, anunciou que se conxelarán “durante os catro anos
de mandato as remuneracións por asistencias a plenos e comisións” e que os
cargos políticos con dedicación exclusiva “en ningún caso poderán ver incrementados
os seus niveis salariais”.
As
medidas relativas a salarios e remuneracións forman parte dun paquete máis
amplo de accións encamiñadas á rexeneración ética da xestión política e dos
políticos. Así, o goberno socialista de Fene convocará unha xuntanza anual
aberta a toda a poboación para dar conta da xestión municipal e habilitará na
web municipal un sistema que permitirá a todos os veciños e veciñas acceder á
base de datos de facturas para saber que merca o Concello de Fene, a que prezo,
a quen llo compra e quen é o responsable político que autoriza ese gasto.
Os
criterios de transparencia e compromiso ético tamén se aplicarán ás empresas,
de maneira que, segundo anunciou hoxe Antón Noceda nunha comparecencia ante os
medios da comarca, de maneira que nos pregos de contratación introduciranse
criterios que primen ás empresas cun mellor servizo aos clientes e unha
política de persoal que fomente a conciliación e o bo ambiente laboral.