A oferta municipal inclúe o II Campus
Feminino de Fútbol Sala María Vieira “Mavi”, o Campamento Lúdico e o Campus de
Ximnasia Artística e Trampolín
O Concello, a través da
Concellería de Deportes e Cultura, levará a cabo nos meses de verán o II Campus
Feminino de Fútbol Sala María Vieira “Mavi”, un Campamento Lúdico Deportivo e o
Campus de Ximnasia Artística e Trampolín. O prazo de inscrición en todos eles
abrirase o 23 de xuño no Departamento de Cultura e Deportes (Avda. Naturais, 44
entrechán, Fene).
Así, o II Campus Feminino de Fútbol Sala está destinado a nenas e
rapazas de entre cinco e 18 anos, celebrarase entre o 13 e o 24 de xullo, de
luns a venres, de 10 a 13 horas no pavillón polideportivo da Xunqueira e o
número de prazas está limitado a 30. Contará con xogos e actividades
multideporte –volei, futenis, bádminton, rugby, balonmán, baloncesto…-;
exercicios de técnica de fútbol sala; actividades ao aire libre nos arredores
do pavillón e praias do Concello; minipartidos e competicións, e a visita de
xogadoras internacionais coa selección española de fútbol sala feminino e da 1ª
División Nacional. A cuota de participación é de 28,20 euros e o prazo de
inscrición, entre o 23 de xuño e o 8 de xullo.
O Campus de Ximnasia Artística e Trampolín vai dirixido a nenos e
nenas maiores de 4 anos, celebrarase entre o 27 e o 31 de xullo, de luns a
venres de 10 a 14 horas e, tamén, terá como escenario o pavillón da Xunqueira.
A inscrición debe realizarse entre o 23 de xuño e o 22 de xullo, a actividade é
gratuíta e as prazas están limitadas a 40. A programación inclúe xogos
colectivos, exercicios de coordinación, control corporal, axilidade e
equilibrio; iniciación á ximnasia artística, ao trampolín, obradoiros de
manualidades e pintura… Conta coa colaboración da Escola de Ximnasia
Ferrolterra.
Por último, o Campamento Lúdico Deportivo está pensado para nenos
e nenas de 4 a 12 anos, desenvolverase entre o 3 e o 14 de agosto, de luns a
venres de 10,30 a 14 horas, no CMI Unidade de Fene. Entre os xogos previstos,
ximkanas en exteriores, actividades acuáticas e na piscina, obradoiros e
actividades creativas, multideporte, xogos populares, concursos… Como no caso
anterior, as prazas están limitadas a 30 e a cuota é de 28,20 euros. A
inscrición, entre o 23 de xuño e o 28 de xullo.