O partido socialista de Fene quere deixar ben
claro a todos os veciños e veciñas que desde o día do cese dos seus
concelleiros e concelleira en ningún momento houbo o máis mínimo intento de
aproximación do alcalde cara o PSOE. Por tanto falta á verdade cando se le en
distintos medios de comunicación e en distintas datas estas declaracións. O
PSOE considera que este tipo de declaracións obedece a unha estratexia do
alcalde para xustificar diante dos veciños e veciñas a súa decisión de gobernar
sen o PSOE. Non houbo ata este momento por parte do alcalde nin unha chamada de
teléfono nin unha conversa en persoa neste sentido, nin co portavoz do grupo
socialista no concello nin co secretario xeral dos socialistas de Fene.
O alcalde de Fene e sobre todo o consello local do
BNG sempre se sentiron incómodos co feito de que os concelleiros e concelleira
do PSOE levaran adiante as áreas de Obras e Servizos, Educación e Cultura e a área de Benestar
Social e Igualdade xa que logo estas áreas lle restaban protagonismo ao alcalde
e ao BNG ao ser áreas con moita presencia coa veciñanza, áreas moi visibles.
Así pois por moito que o alcalde queira agora xustificar o cese dos que eran
ata agosto os seus socios de goberno o certo e que foi esta a principal razón
pola que o alcalde tras 14 meses de goberno en sociedade e sen saír á luz
pública ningunha discordia determinase que cesaba aos concelleiros que lle
deron a alcaldía cos seus votos no pleno de investidura.
E o colmo da osadía do alcalde, no seu intento de
ocultar á veciñanza que non ten a máis mínima intencións de chegar a ningunha
aproximación nin diálogo cos seus ex socios de goberno, é o tan recorrido
argumento de insistir na repetición de que “os grupos políticos dos
concelleiros cesados están máis preocupados por temas internos que polos temas
do concello”. Con este argumento pretende desviar a atención dos problemas que
ten para gobernar o concello. A este argumento simplón o PSOE de Fene ten que
contestar que a organización socialista de Fene a día de hoxe está fortemente
unida e non ten outro problema que non sexa o de realizar todos os esforzos
posibles por defender o programa político que presentou á cidadanía para esta
lexislatura. E cando o alcalde saca peito dicindo nos medios de comunicación
que a maior parte das últimas propostas ao pleno foron aprobadas por unanimidade,
incluso por aqueles que foron membros do antigo tripartito. O PSOE ten que refrescarlle a memoria e recordarlle que
as propostas ás que se refire o alcalde eran o traballo deixado feito polos
concelleiros e concelleira socialistas antes de ser cesados: traballo coas
asociacións veciñais e entidades culturais e deportivas de cada parroquia para
determinar as súas prioridades nas obras de arranxos dos camiños, etc., as
subvencións nominativas ás entidades veciñais, sociais, deportivas, etc., a redución
do IBI ás entidades, onde o PSOE ademais de levalo no seu programa electoral
sempre defendeu cando estaba no goberno que fose bonificado o máximo permitido
pola lei, o 95% como así vai ser finalmente aprobado no pleno de novembro.
Tamén non é menos certo que a decisión que tomou o
alcalde de cesar aos seus socios de goberno non a tomaría sen non tivera
pensado gobernar apoiándose nos funcionarios do concello que forman parte do
consello local do BNG, e que desempeñan o seu traballo como responsables
dalgunhas áreas que levaban os representantes políticos cesados. Así pois temos
que as notas de prensa nas que ao alcalde se lle enchía a boca en dicir que
quedaba el coas competencias dos 5 concelleiros e concelleira cesados e non as
distribuía para así mentres chegar a recompoñer o goberno foi simplemente unha
falacia como o paso do tempo e os seus feitos van descubrindo, e como amosa o
día a día do goberno no que se ve claramente que son un grupo de funcionarios,
membros do consello local do BNG os que levan a batuta.
Para o PSOE de Fene a decisión que agora toma o
alcalde de reorganizar o goberno incorporando á representante de EU obedece por
un lado á necesidade de repartir entre unha máis a carga de traballo do
concello xa que se lles facía excesiva para levar só entre 4 concelleiros/as e
os funcionarios pertencentes ao consello local, e por outro a un intento da alcaldía e do consello local
do BNG por intentar dar lexitimidade ao seu goberno e conseguir a confianza
perdida cos veciños e veciñas de Fene que viron a un alcalde antidemocrático e
autoritario coa decisión de cesar aos representantes das formacións políticas
que lle outorgaron a alcaldía. Convén lembrar que sen os votos do PSOE e de Somos Fene nunca houbera podido ser
elixido alcalde de Fene xa que precisaba 9 votos no pleno de investidura e o
seu grupo do BNG só ten 4.
A entrada de EU xa estaba sobre a mesa no mesmo
día do pleno de setembro cando o PSOE
presentou a moción de dimisión do alcalde tras o cese dos seus
concelleiros e concelleira, xa daquela ao grupo socialista e a todos os que
presenciaron o pleno lles chamou a atención a virulencia dialéctica coa que a
representante de EU arremeteu contra o PSOE e Somos Fene para defender ao
alcalde do BNG. Aquí convén lembrarlle aos veciños e veciñas de Fene que o PSOE
propuxo a incorporación de EU ao goberno desde o inicio das negociacións para
conformar goberno tras as eleccións municipais. E non foi o PSOE quen deixou
fóra do goberno a EU, pregúntenlle ao alcalde quen tiña nese momento a decisión
de incorporar a EU e quen a deixou fóra.
Si se analiza con certo rigor político a situación
que xerou o alcalde co cese dos concelleiros e concelleira do PSOE e os de
Somos Fene agora que xa remodelou o goberno coa incorporación da concelleira de
EU, vemos que a consecuencia desta decisión de cese dos concelleiros de
esquerdas pode traer co tempo repercusión dramáticas para as formacións
políticas de esquerda de Fene, xa que se verán con grandes dificultades para
conformar goberno en sucesivas lexislaturas, xa que a partir de agora quen vai
volver confiar no BNG para conformar un goberno por moito programa que se firme
e por moitas áreas de goberno que se distribuían? Verdadeiramente o feito é
máis grave do que puidera pensar o sr. Alcalde, máxime nunha etapa política como
a actual de dispersión dos votos de esquerda.