![]() |
Miriam Ferradáns Ferradas |
O
Xurado do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, reunido na sede do
Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene, acordou seleccionar como obra gañadora
deste ano a titulada Dos nomes de fume,
de Miriam Ferradáns Ferradas.
Na
acta do Xurado -formado polos escritores Lara Dopazo, Paco Souto e Eduard
Velasco- saliéntase coma un valor do
libro gañador “o fío narrativo que conduce a quen le ao longo de todas as
páxinas”. Tamén se pon de manifesto que “o conxunto, escrito cun estilo limpo e
cunha clara vontade de construción dunha voz propia, goza dunha forte unidade e
solidez”.
Miriam
Ferradáns Ferradas é natural do concello pontevedrés de Bueu. Diplomada en Traballo Social pola
Universidade de Vigo, na actualidade desenvolve traballos relacionados co
ensino secundario.
No
ano 2012 gañou o 3º premio do Premio Xuventude Crea co poema “Novecomaoito”. A
partir de aí, segundo di, “comezo a tomar conciencia da escrita como un
exercicio de reflexión”. En 2013 obtén o 1º premio Rosalía de Castro de
Cornellá con “Decibel”. Un ano despois faise co mesmo premio por unha obra
titulada“Ruído”. Xa máis recentemente, en 2016, acada o premio Francisco Añón
de poesía coa obra Deshabitar unha casa e o 3º premio de poesía do concello de
Ames cun poema sen título. Tamén participou no libro colectivo 6 poemas 6, Homenaxe a Federico García
Lorca.
Amais de desvelar o nome da gañadora
desta nova edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, o
Xurado do certame quixo deixar constancia en acta da súa
homenaxe ao poeta Francisco Cortegoso, gañador do Premio en 2013 e recentemente
falecido.
O Premio Nacional de Poesía, que
convoca anualmente o CMI Unidade de Fene estableceuse en homenaxe ao poeta
Xosemaría Pérez Parallé, tras o seu pasamento ocorrido en 1987. Desde o ano
2005 o Concello de Fene colabora coa convocatoria do certame, que premia un libro
de poesía de autor/a inédito. Ademais, o libro gañador publícase na prestixiosa
editorial Espiral Maior, que conta coa máis extensa colección de poesía da
historia da literatura galega.
Nos últimos
anos, o certame estase a revelar como unha ferramenta moi efectiva para dar a
coñecer novas voces da poesía galega que, tras obter o premio, comezan unha
carreira literaria exitosa. Nomes como os de Mario Regueira, Susana Sánchez
Aríns, Xiana Arias Rego, Ramón Neto, Lorena Souto, Eduard Velasco ou Miriam
Ferradáns forman parte xa dun presente prometedor da literatura galega.
Sobre o Xurado do XXIX Premio
Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé:
Lara
Dopazo: escritora e xornalista galega, nada en Marín en 1985. En 2008 obtivo o GZ-Crea por Dende Illa Peixe e, en 2015, o Francisco
Añón do Concello de Outes por Ovella. No mesmo ano, tamén acadou o premio
Nortear de narrativa para mozos de Galiza e Norte de Portugal pola obra Clementina.
Paco
Souto: poeta coruñés, membro activo da xeración dos 90. Ten publicada unha xa
importante obra poética na que destacan As
árvore do incesto (Premio Espiral Maior 1995), Fado ou As horas
de María (premio Johan Carballeira en 2006) así como o recente Caín.
Formou parte do consello editorial de Letras de Cal e, actualmente, coordina o
premio de poesía erótica Illas Sisargas e a colección de poesía Caldeirón.
Eduard
Velasco: é o gañador da edición de 2014 do Premio Pérez Parallé co libro Ruído
de trens. Nado en Barcelona, é licenciado en filoloxía galega e catalana pola
Universitat de Barcelona. Actualmente fai parte da librería especializada en
poesía e da editora Chan da Pólvora.