O grupo de goberno
de Fene fixo público esta tarde un comunicado ofrecendo información acerca da
investigación aberta sobre as presuntas irregularidades na venda de refugallos
e chatarra.
Texto
íntegro do comunicado do grupo de goberno de Fene:
En relación
coas informacións publicadas ao respecto da suposta venda ilegal de chatarra
pertencente ao Concello de Fene, desde o equipo do goberno municipal queremos
trasladarlles os seguintes datos e consideracións sobre esta cuestión, en
exercicio da debida transparencia cara á cidadanía e da obrigada
responsabilidade e respecto para coa institución pública á que representamos.
Os primeiros
indicios sobre a cuestión xurdiron dunha pregunta formulada o pasado 28 de
decembro no transcurso da Comisión Informativa de organización e Seguridade, na
que se cuestionaba o destino final dunha venda de chatarra feita a unha empresa
de tratamento deste tipo de materiais radicada no propio concello.
Porén, a
pregunta foi tamén unha alerta para que este equipo de goberno indagase se
desde o Concello se estaban vendendo refugallos metálicos e, de ser así, como
se estaban fiscalizando os ingresos. O resultado desa indagación interna
fundamentou a sospeita de que poderían estarse producindo irregularidades
reiteradas nese sentido alomenos desde 2013 e, ante esa sospeita avalada por
diversos testemuños, desde o goberno local -e co asesoramento dos servizos
técnicos municipais- comisionouse a axentes da Policía Local de Fene para que
se investigase o asunto e se procedese á tramitación das correspondentes
dilixencias se se detectaba algún ilícito penal.
As
investigacións policiais constataron que se efecturaran vendas nunha chatarrería
directamente por parte de persoal municipal e que, polo tanto, estas non terían
seguido os cauces regulamentarios para o alleamento nin para a fiscalización
dos ingresos. Nese mesmo momento, e ao ter constancia dos feitos, a concelleira
delegada de Organización ordeou o cesamento inmediato dese proceder que,
segundo parece, viña sendo habitual e que mesmo podería terse dado no caso da
venda irregular de numerosos báculos de farois retirados da avenida das Pías e
doutras zonas do municipio.
En paralelo,
os datos recabados pola Policía Local debidamente dilixenciados trasladáronse á
Garda Civil. Así, neste momento os feitos aos que se refiren as dilixencias
están sendo investigados pola institución armada sen que, polo de agora, haxa
aberto procedemento xudicial algún que afecte a persoal municipal ou cargos
políticos.
Por todo o
anterior, desde o goberno local queremos agradecer o esforzo, a
profesionalidade e o rigor co que desempeñou o seu deber a Policía Local de
Fene. Por outra banda tamén queremos facer constar que como equipo de goberno
promovemos a investigación destas circunstancias conscientes de estar cumprindo
cun deber tanto legal como moral e co obxectivo único de preservar e defender o
interese público, que está por riba de calquera interese particular ou
partidario.
Desexamos,
ademais, que se chegue ao fondo da cuestión e que, de existir algún delito, a
Xustiza esixa as responsabilidades ás que haxa lugar. Porén, mentres non chegue
ese momento agardamos que as investigacións se desenvolvan coa maior axilidade
posible, ofrecendo para iso a nosa total colaboración. Con todo, tamén pedimos
dos medios e da cidadanía -á que manteremos puntualmente informada cando
existan datos contrastados- que se respecte a presunción de inocencia e que se eviten
xuízos paralelos. Un desexo do que queremos facer partícipe especialmente ao
colectivo de traballadores e traballadoras do Concello de Fene, que día a día
mostra a súa valía, responsabilidade e compromiso co servizo público.
Fene, 18 de
abril de 2017