O programa Sons Diversos, que organiza a Concellería
de Cultura, trae esta semana a Fene ao dúo de pop-folk
galego formado polos feneses Amparo Arias e Roger de Flor. O concerto será este
venres, 2 de xuño, ás 20 horas, no salón de actos da Casa da Cultura (Avda. de
Conces, 20-22). A entrada será de balde e libre até completar o aforo (120
localidades).
No seu
espectáculo conxunto, os irmáns e socios musicais Amparo Arias e
Roger de Flor amosan a súa particular maneira de entender a vida, a música e a
arte a través de cancións dos seus respectivos traballos discográficos, con
algunhas adaptacións de xoias ocultas do pop-folk galego e universal, a algún
que outro poema musicado.
Rogelio Arias Sanmartín, coñecido
artísticamente como Roger de Flor (Limodre, Fene, 1977) é músico, cantante,
compositor e productor. A súa obra encádrase dentro dunha nova fornada de
creadores galegos do s. XXI.
Logo de participar en múltiples proxectos musicais como
Bang 74 ou La
Sociedad Protectora del Hombre Mono, , comeza a súa andaina en solitario co
nome de Roger de Flor a comezos de 2007, presentando a súa primeira maqueta, Canciones de amor y retranca. Dous anos
despois publica o disco Naturalidad
Silvestre (Felipop Discos, 2009), no que se poden
atopar estilos como o swing, pop, country e balada, sempre co toque persoal e
humorístico que imprime nas súas cancións.
No ano 2010 embárcase nunha xira de presentación do
documental Roger de Flor:
Naturalidad Silvestre, dirixido por Carlos Alberto Alonso, que protagoniza xunto
a outros artistas do panorama musical galego, como Magín
Blanco, O Neno Elliot ou O Marqués das Vinhas.
O traballo estivo nomeado aos Premios Mestre Mateo do audiovisual galego
(abril 2011).
En xuño do 2011 presentou o seu terceiro traballo discográfico titulado El mundo está loco, loco, loco...,
que inclúe doce novas cancións, amais de dous videoclips promocionais: Voy a cambiar de vida e Non
penso volver ver a televisión; encargado polo programa da TVG Xabarín
Club para celebrar seu
decimoitavo aniversario. Con este último acadou o terceiro premio do concurso Correlingua,
que trata de promocionar e difundir a música en galego.
Integramente en galego foi o seguinte traballo discográfico, desta vez
acompañado pola banda Os Silvestres, composta polo guitarrista Cabe García , o batería Sergio Galego , o contrabaixista Óscar Painceiras e o
charanguista e trobador galaico-portugués O Marqués das Vinhas. Xuntos
presentaron no ano 2013 o seu disco Roger
de Flor presenta a: Os Silvestres, conformado con cancións do propio De
Flor e dos demais compoñentes da banda, ademais de adaptacións ao galego de
clásicos universais como Mellow
Yellow (Donovan) ou Dedicated follower of fashion (The Kinks). A canción Hai un lugar no norte (composta a medias entre Roger, o
grupo portugués Os Azeitonas e o chamado "sexto
silvestre", o xornalista Nicolás Vidal (habitual
colaborador do grupo) foi a elixida para promocionar o novo traballo
discográfico cun novo videoclip, desta vez gravado na liña ferroviaria do
cantábrico.
Pola súa banda, Amparo Arias
é unha cantautora cuxa música contén trazas do pop, folk, bossanova e
psicodelia. O seu álbum Todo lo que no
pasó amosa un claro abano de estilos musicais que nos fan viaxar no tempo e
rememorar músicos como Chrissie Hynde, Astrud Gilberto, Love o The Beatles.
No seu disco, producido polo músico ferrolán Óscar Quant e pola propia
artista, colaboran un bo elenco de músicos de Ferrolterra de calidade
contrastada coma o propio Óscar, Roger de Flor, Joaquin Bianco, Cabe García
Fran Rey, Adán Arias…
Na actualidade está inmersa na composición de novos temas para un
próximo disco, e tamén está poñendo voz a varios dos poemas de William Blake,
musicalizados xunto ao seu irmán e o músico ourensán Raúl Díaz (Os Amigos dos
Músicos, Niño y Pistola), nun proxecto que pronto sairá á luz.
O ciclo Sons
Diversos concluirá o venres da vindeira semana, o 9 de xuño, coa actuación de Sofía
Espiñeira Trío; cantautora mugardesa gañadora do II Certame de Canción de autor
en galego do concello de Teo, no ano 2015, que presentará no noso concello o
seu primeiro traballo discográfico.