Os nacionalistas de Fene, a través da súa portavoz
local Digna Faraldo, amosaron a súa preocupación pola situación do PSOE na
localidade. Para o BNG o PSOE na localidade foi un aliado para acadar o
obxectivo de que Fene contase cun goberno alternativo ao do PP. Os
incumprimentos co orzamento de 2016 levaron ao Alcalde a cesalos das súas
competencias, máis desde o BNG sempre mantivemos as canles de comunicación coa
organización socialista a diferentes niveis.
Lamentamos que o do portavoz local dos socialistas
impedise manter un goberno forte e unhas relacións políticas propias dunha
institución con 5 forzas políticas onde o equilibrio e a diplomacia
deberían ser a base para mellorar os
servizos públicos e a atención á veciñanza.
En canto á posible moción de censura, é algo evidente
que o PP alí onde pode compra vontades. Para os populares os custes políticos
son mínimos e os beneficios moitos. O PP trata as institucións como cortellos
individuais de cada un deles nos que pesan os intereses persoais e non a atención
á veciñanza. A acción de goberno do BNG e IU está clarísimo que se atopa nas
antípodas do PP. Nas formas e no fondo, transparencia, igualdade, rigor e
traballo fronte ao favor, o caciqueo, os enchufes, as papatorias e as chapuzas.
Para o BNG estamos no reto de pasar dous anos
gobernando para o pobo ou desenmascarando ao PP e os seus aliados. Nós sabemos
onde estamos e cales son as nosas funcións, e as nosas prioridades pasan pola
mellora do benestar do noso pobo, favorecer espazos de liberdade e igualdade de
oportunidades, mellora dos servizos públicos e un compromiso coa nosa lingua e
cultura .