Feijóo afirma que co tren ao
Porto Exterior se dá un salto cualitativo para converter os peiraos de Ferrol
nunha referencia loxística da fachada atlántica do sur de Europa
O presidente do Goberno galego,
Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe que co acceso ferroviario ao Porto Exterior
se dá un salto cualitativo para converter os peiraos de Ferrol nunha referencia
loxística da fachada atlántica do sur de Europa.
Durante unha visita ás obras do
acceso ferroviario ao Porto Exterior, Feijóo incidiu en que esta infraestrutura
é indispensable para seducir a aqueles operadores que centran a súa actividade
no tráfico de colectores. Unha peza estratéxica para a competitividade económica
de Galicia e para converter a dársena de Ferrol nun porto de importancia
global, ao repercutir de forma decisiva na competitividade do porto e das
empresas da comarca e, dese xeito, na xeración de novos postos de traballo e
progreso.
Ao longo da súa intervención,
Feijóo precisou que, hoxe en día, o Porto Exterior de Ferrol dispón de case un
millón de metros cadrados habilitados para a instalación de empresas, e as que
xa operan aquí contan con todos os servizos necesarios para facelo de forma
eficaz, incluído un óptimo acceso terrestre polo que circulan máis de 1000
camións cada día.
Así mesmo, resaltou que a
superación o pasado ano da cifra de 30 millóns de toneladas movidas neste
peirao dá índice da súa constante evolución positiva, que aínda ten unha enorme
capacidade de medrar de forma moi significativa.
O titular da Xunta referiuse
tamén á envergadura da obra do Porto Exterior, non só porque supón un
investimento de 90 millóns de euros da Administración do Estado, senón porque,
ademais, as características do terreo e a necesidade de minimizar o impacto fan
desta unha actuación singular.
Nesta liña, precisou que os
dous portos ferroláns, o interior e o exterior, se unirán a través dun ramal
ferroviario de dobre ancho e 6,4 quilómetros de lonxitude dos cales 5,6
discorren baixo os montes de Brión, a través do túnel que hoxe comeza a
perforarse e que contará cunha galería de evacuación paralela á vía férrea. E
destacou ademais a construción dun viaduto de 300 metros sobre a enseada da
Malata.
Feijóo concluíu valorando o
compromiso do Goberno central coas infraestruturas fundamentais para Galicia. E
nesta liña destacou a confirmación do Ministerio de Fomento da adxudicación, no
vindeiro mes de outubro, das obras do último tramo da autovía entre Santiago e
Lugo que, xunto coa conexión entre Ourense e Lugo –tamén en execución-,
permitirán acadar o obxectivo de que todas as cidades galegas estean unidas
entre si por vías de alta capacidade.
O titular da Xunta referiuse
tamén ao obxectivo de finalizar o tren de alta velocidade a finais de 2019,
conforme ao calendario, así como ao compromiso do Goberno central de que Ferrol
e Lugo non queden descolgados da alta velocidade.
Galeria
Fuente: Xunta de Galicia