“O noso paporrubio, calzado cuns
zoquiños, guía a nenos, nenas e maiores por unha eira chea de xogos. Os/as
participantes nesta aventura terán que ir descubrindo como se xoga a algúns
xogos, mentres que se sorprenderán doutros grazas ás pequenas historias
contadas e cantadas polos animais e habitantes da granxa, elaborados con
xoguetes, marionetas e xigantes.”
Así se presenta “O Paporrubio”, a primeira das actividades que organiza a
Biblioteca Municipal de Fene para este outono. A proposta vai dirixida ao
público familiar, maiormente nenos/as de 3 a 12 anos coas súas familias, e
encádrase no programa Rede Cultural 2017. O escenario da mesma será a sala de
exposicións temporais da Casa da Cultura-Museo do Humor de Fene, o martes 10 de
outubro, de 17.30 a 19.30 horas. Entrada de balde até completar o aforo (máximo
50 persoas).
Os xogos do Paporrubio son un compendio de xogos autónomos e animados de
temática agraria, cos que se dá a coñecer un dos paxaros máis pequenos,
rebuldeiros e cantaruxeiros da nosa fauna.
Trala sesión de “O Paporrubio”, a biblioteca municipal Xosemaría Pérez
Parallé de Fene anuncia a seguinte actividade, “Percubebé”, para o martes 17 de
outubro.