A Biblioteca Municipal Xosemaría Pérez
Parallé acolle dende hoxe unha mostra
cos traballos presentados polos escolares de Fene ao IV Certame de Creación Artística “En galego?
É o noso!”. O concurso, convocado pola Concellería de Cultura de Fene e polos os
Equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino, reuniu na súa
última edición ao redor de corenta composicións plásticas.
Os traballos amósanse no corredor do
primeiro andar da Casa da Cultura, na cristaleira que da acceso á Biblioteca
Municipal de Fene e permanecerán alí até finais do mes de novembro. O horario
de visitas é: de luns a venres, de 10 a 13 horas e de 16 a 21 horas, e os
sábados, de 10 a 13 horas.
O certame de Creación Artística “En
galego? É o noso!” é un dos concursos escolares que o Concello de Fene organiza
anualmente ao redor da celebración do Día das Letras Galegas. Dirixido ao
alumnado dos centros educativos do Concello de Fene (dende Infantil a
Bacharelato ou Ciclos Formativos), o certame propón a elaboración de
composicións plásticas orixinais a partir dunha serie de poemas de autores/as
contemporáneos/as. Os traballos poden ser de debuxo, pintura, colaxe,
fotografía ou, no caso dos alumnos/as de 2º ciclo da ESO, Bacharelato ou ciclos
formativos, tamén se poden presentar en distintos soportes relacionados coas
TIC.
Os centros que enviaron traballos ao IV Certame de Creación
Artística recibirán, en concepto de axuda á participación, vales para
adquisición de material escolar cuxa contía depende do número de alumnos/as do
centro.