O
alcalde de Fene, Juventino Trigo, e os fillos de D. Xosemaría Pérez Parallé,
Francisco Pérez Porto e José Manuel Pérez-Parallé Porto, asinaron este mediodía
na biblioteca municipal de Fene o convenio de doazón polo cal os descendentes
do segrel do Penedo entregan ao Concello de Fene unha colección de obxectos
persoais, mobiliario, libros e diplomas que pertenceron ao seu pai.
Ao
redor dunha trintena de libros, máis de vinte diplomas e diverso mobiliario,
entre o que se atopa un escritorio coa súa cadeira e unha estantería, compoñen
a colección de obxectos que os familiares de Pérez Parallé doan ao Concello coa
idea de que se poida crear un recuncho para a lembranza do poeta na biblioteca
que leva o seu nome, a biblioteca municipal de Fene. A colección complétase con
numeroso material gráfico (álbumes de fotografías) e obxectos persoais como
prumas, un tinteiro, un soporte para escritorio, unhas tesoiras, unha libreta
con adicatorias ou unha caixa de pel que no seu día pertenceron e foron
empregados polo segrel do Penedo. Salientan tamén varias pezas e figuras como
un busto de D. Xosemaría Pérez Parallé, un escudo cerámico de Galicia ou a
praca de cerámica adicada a Parallé polo centenario do seu nacemento.
A idea
da familia e do actual equipo de goberno de Fene é que con este material se
poida crear na biblioteca municipal Pérez Parallé de Fene un recuncho para a lembranza do poeta.
Xosemaría Pérez Parallé
naceu o 4 de agosto de 1909 en Ferrol aínda que residiu boa parte da súa vida
no Concello de Fene.
Cursou
estudios de Filosofía e Letras, Dereito e Maxisterio en Santiago, cidade na que
colabora en diferentes publicación e funda –con Filgueira Valverde e outros
escritores- a revista “Abrente”.
En
Ferrol participa en “Renovación”, semanario republicano de esquerdas e nas
actividades do Centro Obreiro de Cultura. Durante bastante tempo adícase ao
ensino e da clases no Centro de Enseñanza General.
A
partir dos anos sesenta inicia un importante labor cultural como conferenciante
e dinamizador do “Día das Letras Galegas” no Círculo Mercantil de Fene,
entidade á que estivo moi vencellado. Pero o máis salientable del é a súa
creación poética, moi abundante, da que grande parte permanece inédita.
Foi un
dos poetas galegos máis galardoados. Xa no ano 1935 acada un diploma de mérito
no “Certamen del Trabajo”. En Betanzos recibe outro premio pola súa obras
“Mariñanas dun bardo segrel do Penedo”. En 1964 a radio-televisión francesa
concédelle dúas distincións -1º e 2º premio- por uns poemas do seu libro
“Cartafol da saudade” que estaba prologado por Filgueira Valverde. En xullo de
1967 é o gañador do concurso de poesía “Festa da cantiga”, organizado pola
comisión do IX Festival de A Coruña e a comisión de festas da cidade. Nos xogos
florais de Pamplona recibe o primeiro premio por un poema do seu volume “Dorna
Romeira”. “Non falarei, non” é un poemario premiado en Guimaraes (Portugal) en
1975. Nese mesmo ano escribe “Esteiro: Saga romancera de un barrio perdido”. En
1990 aparece a súa obra póstuma “Chanteiros” e en 1995 “Poemas, Cantigas”.
Autor
dun dos máis populares “Esconxuros da Queimada”, “lume, lumiña…”, foi letrista
de numerosas cancións de rondallas e tamén de temas infantís para o certame
“Cantareliña”.
O
popular segrel morreu en 1987 en Barallobre, Fene, onde residiu moitos anos e
onde tamén traballou nas oficinas de Astano.
O
Concello de Ferrol nomeouno “fillo predilecto” e unha rúa do seu barrio de Canido
leva o seu nome, como tamén a biblioteca municipal de Fene e un banco do
monumento do “Camiñante descoñecido”.