O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo
hoxe en Santiago unha xuntanza co clúster do naval galego
O conselleiro de Economía, Emprego e
Industria, Francisco Conde, mantivo hoxe en Santiago unha xuntanza co
presidente do Clúster do naval galego, Marcos Freire, e outros responsables da
entidade, para avaliar as boas perspectivas do naval e medidas para que o
sector siga crecendo. En concreto, analizaron ferramentas que afiancen a
formación, a innovación e a internacionalización do sector que permitan seguir
incrementando os investimentos e, polo tanto, a carga de traballo.
Conde destacou, no eido da
formación, que a Xunta está desenvolvendo un Plan de formación específico para
o naval ao que se destinan 12 millóns de euros para cualificar a 3.000
traballadores, multiplicando por cinco o número de cursos e o investimento
desenvolvido durante 2015. Durante os próximos dous anos apoiarase a
cualificación de desempregados e traballadores ocupados cunha oferta de 170
accións formativas que se definen segundo as necesidades do propio sector. Polo
tanto, ofrécese formación á carta para as empresas do naval a través de 20
unidades formativas. Os profesionais reciben cualificación específica en novas
tecnoloxías vinculadas coa Industria 4.0 a través de organismos intermedios.
Esta iniciativa conta coa colaboración dos propios estaleiros, a industria
auxiliar e o clúster.
No ámbito da innovación, o titular
de Economía sinalou que os apoios da Administración autonómica mobilizaron
neste eido 33,2 millóns de euros a través de diversos programas como as
convocatorias de Innterconecta e Conecta Peme coas que se apoiaron 19 proxectos
de I+D+i dirixidos á mellora de produtos e servizos no naval.
Estas axudas superan os 9 millóns de
euros e mobilizan un investimento próximo aos 20 millóns. Tamén destacan as 4
unidades mixtas que apoia a Consellería de Economía, Emprego e Industria que na
actualidade suman preto de 11 millóns de euros en desenvolvementos innovadores
para I+D+i: o estaleiro do futuro que executa a Universidade da Coruña con
Navantia; o desenvolvemento dunha nova xeración de compoñentes navais de Aimen
e Wartsila Ibérica, que este ano conta cunha segunda edición; e o proxecto
baseado en tecnoloxías intelixentes e flexibles de alta produtividade de Aimen
e Factorías Vulcano.
En materia de internacionalización,
o conselleiro resaltou as misións comerciais que está a realizar o sector e
contan coa colaboración da Xunta para favorecer a súa expansión, uns programas
que están tendo moi bos resultados, non só para os estaleiros senón tamén para
a industria auxiliar que está aumentando a súa actividade como provedor.
O obxectivo da xuntanza, en palabras
de Conde, é seguir avanzando para que o naval galego continúe coas boas
perspectivas acadadas ata o de agora: Galicia mantén o liderado na construción
naval co 38% de carga de traballo realizado en España no primeiro semestre de
2017. En total, a carga de traballo supón un investimento próximo aos 2.900
millóns de euros. A carteira de pedidos en vigor nos estaleiros da Comunidade
suma 24 buques dun total de 60 contratos en España.
Fuente: Xunta de Galicia