O conselleiro de Política
Social, José Manuel Rey Varela, segue a impulsar o diálogo entre a
administración autonómica e os entes locais co obxectivo de garantir unha
atención próxima de calidade, así como mellorar os programas e iniciativas no
ámbito social. Así, na xornada de hoxe mantivo no seu despacho de San Caetano
unha xuntanza de traballo co alcalde do municipio coruñés das Somozas, Juan
Alonso Tembrás, que serviu para dar conta ao rexedor das liñas básicas dos
novos orzamentos deste departamento autonómico.
O titular de Política Social
trasladou ao primeiro edil o novo impulso as políticas sociais que se recolle
nas contas de 2018, cun crecemento do 9% con respecto ao presente ano ata
superar os 700 millóns de euros. Ao respecto, explicou que este incremento
“permitirá seguir mellorando os programas e servizos dirixidos ás familias, aos
nosos maiores e á inclusión coa finalidade de que ningún fogar quede ao marxe
da recuperación da economía galega”.
Neste liña, Rey Varela fixo
fincapé no reforzo dos programas de atención á dependencia e, en especial, do
Servizo de Axuda no Fogar (SAF), no que Galicia rexistra os mellores datos de
atención do conxunto do Estado. Rey Varela dixo que este servizo permite
atender cunha prestación profesional aos maiores dependentes que elixen
permanecer nas súas casas e no seu contorno familiar, ao tempo que engadiu que
é un servizo axeitado para dar resposta a dispersión da poboación na
comunidade.
O
conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, co
alcalde
do municipio coruñés, Juan Alonso Tembrás en San Caetano
|
De feito, desde a creación da
Consellería de Política Social en 2015 e ata a data de hoxe o número de horas
de SAF á disposición do concello das Somozas aumentou nun 43,7%, o que equivale
a 2472 horas máis ata acadar na actualidade as 8124 horas habilitadas ao ano e
unha cobertura superior ao 90%.
Conselleiro e alcalde acordaron
continuar coa cooperación emprendida entre as dúas institucións, pensando no
benestar e na mellora dos servizos e programas dirixidos ás persoas e familias
que máis precisan do apoio das administracións. Nesta liña, a xuntanza serviu
para que Rey Varela coñecera de primeira man novas propostas e proxectos en
materia de servizos sociais que está a impulsar o concello das Somozas e que o
departamento autonómico estudará de cara a posibles colaboracións.
Fuente: Xunta de Galicia