O conselleiro de Sanidade, Jesús
Vázquez Almuiña, presentou esta mañá o proxecto de construción do novo centro
de saúde de Narón, que conta cun orzamento de 5.476.294 euros. O Concello de
Narón achegará, ao longo de tres exercicios, a contía de 1,4 millóns para
colaborar nos custes de execución da construción do edificio.
O titular da carteira sanitaria do
Executivo galego visitou hoxe os terreos onde a Xunta de Galicia ten previsto
construír o centro de saúde. Trátase dunha parcela de 6.142 metros cadrados
cedida gratuitamente polo concello.
A construción deste novo centro de
saúde, que terá unha superficie total construída de preto de 4.300 m2,
permitirá tanto aos profesionais como aos pacientes e usuarios dispor dunha
infraestrutura moderna e adaptada ás súas necesidades, e que dará mellor
resposta ás necesidades de saúde, presentes e futuras, das veciñas e veciños
deste concello que pertence á Xerencia de Xestión Integrada do Sergas en
Ferrol.
Plan Funcional
Segundo o recollido no Plan
Funcional, o edificio terá, na área médica, 14 consultas de medicina xeral, 12
de enfermería, 2 de farmacia, un despacho para o traballador social, unha sala
de toma de mostras, dúas salas de técnicas, 4 salas polivalentes e 4 consultas
de docencia. Na área pediátrica haberá 4 consultas de pediatría e 3 para
enfermería pediátrica.
Na área da muller, disporase dunha
consulta para a matrona, unha sala de educación sanitaria e unha consulta para
o programa da muller.
Na área dedicada ás urxencias, o
centro disporá de zona de recepción, dormitorios para o persoal de garda, unha
sala de reanimación, sala de espera e sala de estar, tres consultas de
medicina, tres de enfermería, aseos e vestiarios.
No apartado de servizos de apoio, o
novo centro da rede sanitaria pública galega disporá dunha consulta de
odontoloxía, unha para o hixienista, unha para fisioterapia, un ximnasio e unha
sala de reunións. Na área de persoal haberá despachos para coordinación
administrativa, sala de estar, arquivo e sala de xuntas.
Fuente: Xunta de Galicia