O ciclo de monólogos que organiza o Museo do Humor de
Fene continúa este venres, 10 de novembro, coa actuación do humorista e actor
David Noya. Esta segunda función do “Novembro, mes do humor” comezará o venres
ás 20.00 horas no salón de actos da Casa da Cultura-Museo do Humor de Fene. As
persoas que desexen asistir ao espectáculo deberán recoller as súas invitacións
(máximo 2 por persoa) o mesmo venres na conserxería da Casa da Cultura de Fene
a partir das 18.30 horas. Espectáculo para público adulto. Entrada de balde.
David Noya é “un auténtico showman sobre o escenario”.
Comezou aos 14 anos facendo teatro na Agrupación Teatral Mariñan de Betanzos e
compaxinando esta afición con colaboracións na emisora de radio local. Co paso
dos anos foi facéndose un oco no mundo da interpretación (participou en máis de
vinte obras teatrais, seis curtametraxes e diversas series de televisión).
No ano 2004 proclamouse gañador da 2ª edición do
programa concurso “El Rey de la comedia” da TVG e foi copresentador e
reporteiro do programa “Arrampla con todo” e “Máis galego”, tamén da Televisión
de Galicia. Ademais, compartiu escenario con outros “grandes” do humor galego
como David Amor, Digón ou Manquiña.
Na actualidade David Noya compaxina a súa faceta de
actor e presentador de eventos coa de monologuista por salas de todo o país. O
seu estilo é descarado e socarrón e non deixa a ninguén indiferente.
Organiza: Concellería de Cultura de Fene
Colabora: Deputación da Coruña (Rede Cultural)