O
conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, visitou hoxe o centro
de día desta entidade que presta servizos a afectados de alzhéimer na comarca
de Ferrol
O conselleiro de Política
Social, José Manuel Rey Varela, visitou na xornada de hoxe o centro de día da Asociación
de Familiares Enfermos de Alzhéimer de Ferrol e comarca (AFAL Ferrolterra),
onde se reuniu con responsables da entidade, usuarios e usuarias deste recurso,
así como cos profesionais que o atenden. Deste xeito, o conselleiro comprobou
en primeira persoa o funcionamento do equipamento e púxose ao día nos servizos
e programas que ten en marcha AFAL Ferrolterra.
Rey Varela reiterou a firme
vontade do Goberno galego de garantir os dereitos e a atención das persoas en
situación de dependencia, o que se pon de novo de manifesto nos orzamentos da
Xunta para 2018 nos que as partidas económicas destinadas á mellora das
políticas sociais volven crecer por terceiro exercicio consecutivo, nesta
ocasión un 9% ata alcanzar un montante global de 700,6 millóns de euros. Deste
incremento, a maior subida recae na área de Maiores e Persoas con
Discapacidade, que medra un 10% para situarse nos 413,7 millóns de euros.
Rey Varela enmarcou este
reforzo das contas da Consellería de Política Social no obxectivo de seguir a estender
a atención á dependencia, co compromiso de rematar o vindeiro exercicio con
60.000 beneficiarios das prestacións que oferta o sistema autonómico.
Neste sentido, o conselleiro
referiuse a outras dous medidas que continuarán a desenvolverse ao longo dos
vindeiros meses. Por un lado, o despregamento de novas unidades de atención
terapéutica especializada para alzhéimer e outras demencias neurodexenerativas
coa finalidade de tratar estas doenzas nos primeiros estadios e así adiar ou
paliar na medida do posible as consecuencias das mesmas. E, por outro, un maior
apoio ás entidades que traballan neste ámbito ao incrementar nun 5% con
respecto ao presente ano o convenio de colaboración coa Federación Alzhéimer
Galicia (Fagal), que ascende a preto de 90.000 euros.
Ademais, Rey Varela asegurou o
compromiso da Xunta de Galicia de seguir apostando pola sensibilización, a
prevención e a formación fronte o alzhéimer; ao tempo que encomiou “o apoio
fundamental tanto aos doentes como aos seus familiares que dende fai anos leva
a cabo AFAL Ferrolterra”.
Por último, o titular de
Política Social que o Executivo autonómico e AFAL “comparten o desafío de
mellorar a calidade de vida dos galegos e galegas, en especial daquelas persoas
que se atopan nunha situación de dependencia”, polo que avogou por afondar na
colaboración coas entidades que traballan neste ámbito na procura dunha maior
esperanza de vida con plena autonomía.
Fuente: Xunta de Galicia