Pin It

Widgets

Feijóo confirma que practicamente todas as zonas de produción da ría de Ferrol poderán extraer e comercializar marisco sen ter que sometelo a un proceso de reinstalación


O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presidiu a xuntanza cos
patróns maiores da área da ría de Ferrol

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, confirmou hoxe que os técnicos do Intecmar veñen de asinar unha autorización para que practicamente todas as zonas de produción da ría de Ferrol pasen a ser aptas para que os mariscadores poidan extraer e comercializar marisco sen necesidade de sometelo a un proceso de reinstalación.

Unha boa nova que, tal e como subliñou, permitirá manter os postos de traballo das máis de 1.000 familias que se dedican a extracción de moluscos nesta ría e facilitará o incremento do número de permisos de explotación. “Esta empresa, que é a ría, será unha das mellores empresas da comarca de Ferrol”, abundou.

A este respecto, Feijóo lembrou que, tras a prohibición da extracción de marisco en 2005 por non contar esas zonas coa clasificación esixida pola Unión Europea, o Goberno galego puxo en marcha en 2012 un sistema de reinstalación para tratar os moluscos, que supuxo unha solución inmediata e provisional para os mariscadores da ría de Ferrol.

De igual modo, precisou que a Administración galega traballou desde o primeiro momento e de xeito simultáneo na mellora do saneamento das zonas costeiras contiguas á ría. O seu compromiso coa calidade das augas e a recuperación da ría materializouse nun investimento total de 278 millóns de euros e nunha gran instalación hidráulica con “2 depuradoras, decenas de quilómetros de colectores e varios tanques de tormenta”, dixo.

Con respecto á situación da Malata, a única zona excluída desa clasificación, precisou que se dispón dunha partida de 7,5 millóns de euros para iniciar a obra unha vez que o concello desbloquee a cesión dos terreos.

Durante a súa intervención, o titular autonómico insistiu tamén na necesidade de recuperar a “boa fama” do marisco desta ría, ao tempo que sinalou que “no seu conxunto é dos mellores mariscos que temos en Galicia”.

Finalmente, o presidente da Xunta concluíu a súa intervención destacando a importancia de que Ferrol estea no mapa das rías saneadas de Europa. “É importante desde o punto de vista de marca, de turismo e do prestixio que supón”, finalizou.

Fuente: Xunta de Galicia
Tags: , ,

J.Aguilar

Bienvenido a Fene.com1. Descubre el blog con noticias de Fene, Ferrol y comarca, eventos, a través de los artículos de nuestro Blog otras informaciones gran cantidad de imágenes antiguas de Fene, Ferrol y comarca, así como relacionadas con la construcción naval.