JUVENTINO TRIGO APROVEITOU A ENTREGA DE PREMIOS DO MUSEO DO HUMOR PARA REAFIRMAR A APOSTA DO GOBERNO MUNICIPAL POR ESTE CERTAME DE HUMOR GRÁFICO
“A continuidade dos Premios
Curuxa é garante en si mesma do futuro do Museo do Humor de Fene e, polo tanto,
dun dos principais signos de identidade que ten este Concello”. Con estas
palabras, o alcalde de Fene avanzaba onte á tarde a próxima convocatoria dos
Premios Curuxa, concurso de humor gráfico que organiza o Museo do Humor de Fene
dende hai máis de dúas décadas “para premiar aos/ás mellores humoristas
gráficos/as do país”. Juventino Trigo fixo este anuncio no marco da entrega de
premios aos gañadores do certame na súa edición de 2017.
No acto que tivo lugar no
salón de actos da Casa da Cultura-Museo do Humor de Fene, o primeiro rexedor
fenés e mailo concelleiro de Cultura,
Justo Martínez Ardá, fixeron entrega dos diplomas e cheques aos artistas premiados
este ano: Borja Ramón López Cotelo, “El primo Ramón” (1º premio Curuxa 2017),
Andrés Meixide Gayoso (2º premio Curuxa 2017), Andrés Simal González (1º premio
Curuxa Nova 2017) e Andrés Garrido Martín (2º premio Curuxa Nova 2017).
Previamente, os catro
debuxantes foron recibidos por membros da Corporación Municipal na sala de
exposicións temporais do museo onde se amosa –até finais do mes de novembro- a
exposición dos premios Curuxa 2017, e onde tiveron oportunidade de asinar no
libro de honra do Museo do Humor.
A entrega dos Premios
Curuxa 2017 coincidiu este ano co comezo do “Novembro, mes do humor”, ciclo de
monólogos organizado pola Concellería de Cultura de Fene coa colaboración da
Deputación da Coruña. O protagonista desta primeira sesión foi poeta e contacontos
Celso Fernández Sanmartín.
Tras del, actuarán nas
vindeiras semanas David Noya (10 de novembro), Isabel Risco, Pedro Brandariz e
Fran Rei (17 de novembro) e Pepe Capelán (24 de novembro).