O delegado territorial na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou o inmoble, onde
deu conta da decisión da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación
Universitaria
O delegado territorial da Xunta
de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe o Centro Público Integrado
(CPI) do Feal, en Narón, un dos inmobles da provincia da Coruña que se verá
beneficiado en 2018 polo Plan de Rehabilitación Integral de edificios
educativos que anunciou a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación
Universitaria.
Na súa visita, Rodeiro estivo
acompañado pola alcaldesa, Marián Ferreiro, o director do centro, Víctor Novo
Carballeira, o xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación e
Ordenación Universitaria, Indalecio Cabana, e representantes do claustro e do
Concello. Na actualidade, o CPI do Feal acolle a un total de 660 alumnos,
repartidos entre 94 de educación infantil, 365 en primaria e 201 en secundaria.
O conselleiro anunciou hai uns
días que o seu departamento vai investir en 2018 preto de 4,5 millóns de euros
en obras de mellora enerxética en nove centros educativos. Fíxoo no marco dunha
no xornada no que persoal técnico da Consellería presentou a arquitectos novos
as iniciativas nas que se traballa en colaboración co Colexio Oficial de
Arquitectos de Galicia (COAG), tales como o estudo da gama de cores axeitada para
a imaxe corporativa dos centros.
Neste mesmo encontro anunciouse
que a Consellería vai convidar a unha selección de 47 arquitectos novos a que
presenten os seus proxectos para acometer as devanditas actuacións previstas
para 2018 dentro do Plan de Rehabilitación Integral de centros educativos da
Consellería. Deste xeito o departamento educativo da Xunta de Galicia dá
continuidade ao seu compromiso coa empregabilidade das persoas máis novas,
facilitando ademais que poidan incorporar esta experiencia ao seu currículo.
No marco do Plan de Dotación de
Infraestruturas Educativas, posto en marcha en 2016 e que conta cun orzamento
global de 118,5 millóns de euros ata 2020, a Consellería vai desenvolver obras
de Rehabilitación Integral, enerxética e funcional, en nove centros de ensino o
ano próximo, dous deles na provincia da Coruña. No caso do CPI do Feal estímase
que o investimento estímase en torno aos 450.000 euros. O plan contempla unha
actuación de similares características para o CPI Plurilingüe de Fonte-Díaz de
Touro
Aposta polo medio ambiente
Con estas actuacións a
Consellería dá cumprimento á Estratexia Europa 2020 e á Estratexia de aforro e
eficiencia enerxética no sector público galego para o período 2015-2020, na que
a Xunta de Galicia é pioneira entre o conxunto de administracións públicas. Non
en balde, no 2016 e 2017 executáronse actuacións de eficiencia en 18 centros,
incluídos os preto de 484.000 euros na rehabilitación enerxética e funcional, e
outras reparacións en cuberta e falsos teitos do CEIP Francisco Vales
Villamarín de Betanzos.
Co investimento en actuacións
de eficiencia enerxética e mellora funcional nos centros búscase un aforro
enerxético e un menor custo derivado do consumo de luz e calefacción, á par que
se xeran novas oportunidades de emprego, a través da participación no deseño
dos proxectos de arquitectos novos. Ademais, contribúese a un modelo de
desenvolvemento sostible e á concienciación e sensibilización dos máis pequenos
na importancia do coidado do medio ambiente.
Fuente: Xunta de Galicia