O pavillón polideportivo
da Xunqueira acolle este sábado, 16 de decembro, a partir das 11.00 horas, o
XII Trofeo de Minikatas de Judo de Ferrolterra-II Torneo Solidario “Concello de
Fene”, un evento que se presenta como a “festa do judo da bisbarra” e que marca
o inicio da tempada deportiva de judo. O encontro, organizado polo Club Artes
Marciais Fene, pola A.D. Judo Ferrolterra e pola Concellería de Deportes de
Fene, reunirá o sábado en San Valentín
a uns 300 judokas novos, dende pre-benxamíns a infantís, de dez concellos
galegos.
Este II Torneo Solidario
de Minikatas de Judo “Concello de Fene” incluirá unha área de ocio para os/as
xóvenes judokas e distintas zonas delimitadas para o desenvolvemento do torneo.
Ademais, atendendo ao seu carácter solidario, dende a organización anímase a
que todo/as os/as participantes e/ou espectadores acudan a esta cita aportando alimentos
non perecedoiros ou material escolar en bo estado (que serán entregados
posteriormente a unha entidade solidaria).
No aspecto deportivo, este
torneo de minikatas premiará a participación dos/as alumnos/as e a súa
execución técnica do judo, máis que a propia competición.
Dende a organización
convidouse a participar no encontro a todos os colexios de Ferrolterra onde o
Club Artes Marciais Fene e a AD Judo Ferrolterra imparten judo, xunto con
outros clubs convidados como Grupo Bazán, de Ferrol, Gimnasio Senra, de Lugo,
Xogos da Amizade, de Culleredo, Gimnasio Fibra, de A Coruña, Judo Club Arteixo
e Judo Club Bergantiños.
Organizan: Concello de
Fene, AD Judo Ferrolterra e Club Artes Marciais Fene.
Colaboran: Anpa do colexio Madres
Mercedarias, Centro de Osteopatía e
Quiromasaxe José María, a empresa de
servizos deportivos SEDEGA e Tatamibag