O
conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, realizou hoxe unha
visita ao novo centro de día e inclusión social Gabriel Vázquez Seijas,
pertencente a Cáritas Diocesana Mondoñedo-Ferrol. Unha visita que o titular autonómico
aproveitou para coñecer aos novos integrantes da Xunta Directiva da entidade
aos que avanzou “o compromiso e colaboración do Goberno galego no obxectivo
común que compartimos de mellorar as condicións de vida daqueles que máis nos
necesitan”.
Durante o
transcurso da súa visita, Rey Varela lembrou que a Consellería de Política
Social vén de facer pública a resolución da nova orde para a concesión de
subvencións a entidades de iniciativa social para o bienio 2017-2018, pola que
Cáritas recibirá 188.587,14 €. Nomeadamente, 164.899,50 € para a ampliación do
centro de día e inclusión, e 23.687.64€ para a mellora do equipamento. E, ao
fío, lembrou que no marco da dita orde para o período 2016-2017, a entidade
recibiu 150.000 euros para o financiamento das obras que permitiron habilitar
os espazos de cociña, comedor, aulas de formación, punto NET e a biblioteca do
centro.
O titular
autonómico destacou a Cáritas Diocesana Mondoñedo-Ferrol como “un exemplo de
traballo en prol da promoción, orientación e coordinación da acción inclusiva
no norte de Galicia” ao tempo que subliñaba a calidade desta nova
infraestrutura.
Orde para a concesión de subvencións a entidades de
iniciativa social
A
Consellería de Política Social vén de resolver a orde para a concesión de subvencións
a entidades de iniciativa social para a promoción de actuacións de servizos
sociais comunitarios e de inclusión social para os anos 2017 e 2018. Esta liña
de axudas contou cun orzamento de 8,3 millóns de euros para dito bienio, o que
representa un aumento do 23% con respecto ao investimento realizado nos anos
2016 e 2017. Un total de 122 entidades se verán beneficiadas con estas achegas.
Fuente: Xunta de Galicia