O
Nadal Galego, as figuras de María Soliña, Pepa a Loba ou O Maio, o grupo de
árbores “O bosque de Merlín” ou os cadros cerámicos de San Martiño Pinario e de
San Ero de Armenteira. Son só algunhas das xoias que incluirá a exposición
“Cerámicas de Pérez Porto” que se inaugura este xoves, 21 de decembro, ás 20.00 horas, na Casa da Cultura de Fene.
O
acto –que contará coas intervencións do alcalde de Fene, Juventino Trigo, do
mestre e escritor Antón Cortizas e do propio artista- incluirá unha lectura
teatralizada dunha obra (sen título) de D. Xosemaría Pérez Parallé, pai de
Pérez Porto. Intervirán: Aurora Varela,
Rosa Martínez, Manuel Díaz, Andrés C.M. Rivera, María Xesús Millarengo, Candela
Quintía, Carme Romero e Esther Val.
“Cerámicas de Pérez Porto” preséntase como unha mostra antolóxica na que
se poderán ver, amais de esculturas, pezas torneadas e cadros cerámicos,
acuarelas, proxectos e fotografías de monumentos realizados polo ceramista
fenés como os planos da fonte de Castelao, construída polo artista no Museo
Carlos Maside de Sada. A través desta exposición. os/as visitantes poderán
facer un seguemento da traxectoria do artista, dende as súas primeiras obras
até as últimas creacións como a colección de tubos “Estudo e desenvolvemento
dun tubo”.
A
exposición permanecerá aberta ao público na Casa da Cultura de Fene do 21 de
decembro de 2017 ao 28 de febreiro de 2018 en horario: de luns a venres, de
10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas, e os sábados, de 10.00 a 13.00
horas. Durante o Nadal (do 22 de decembro ao 7 de xaneiro) o horario será: de luns a venres, de 10.00 a 14.15 horas.
Ademais, o venres 22 de decembro, o mércores 27 e o venres 29 de decembro tamén
se abrirá en horario de tarde, de 17 a 21 horas.
Francisco
Pérez Porto (Barallobre, 1938) iniciouse no mundo da cerámica alá polo ano
1968. “Aprendeu en Buño a técnica do torno para logo
darlle una volta á cerámica tradicional e facela arte”, segundo palabras de
Isaac Díaz Pardo, co que colaborou vinteoito anos en Sargadelos, non só creando
senón tamén dirixindo as experiencias internacionais de verán.
Impartiu
cursos no Centrad de Lugo, na escola de cerámica de Ferrol (da que foi
fundador), en Benposta (Ourense) e tamén formou a mestres en cursos para
colexios e institutos.
Como
artista acadou numerosos premios: o Cidade da Coruña, a Cerámica de ouro do
Grove (Rueiro Rey) ou o Premio Honorífico do 1º Certame literario-pictórico
sobre o Quixote e os dereitos humáns.
Realizou
exposicións por toda Galicia, Córdoba, Madrid, Lorient (Francia), Portugal...
Ademais,
é autor de numerosos monumentos e
esculturas que engalanan as nosas vilas:
Emigración (Ortigueira), Pardela (Sta. Cruz de Oleiros), Pallaso (Fene),
Monumento á música (Ferrol), Fonte Castelao (O Castro), Rafael Dieste (Rianxo),
A Muralla (Lugo), Fonte das lavandeiras (Lugo), Alexandre Bóveda (A Coruña), Cruceiro (Centrad, Lugo), O Globo
(Betanzos), peregrinos, gaiteiros, cego con zanfona, enterro do antroido,
peliqueiros, maios, petos de ánimas, Baco…
Tamén
realizou un mural no Castelo de S. Antón (A Coruña), o Merlín de Esmelle
(Ferrol), o Andrés Barallobre (Barallobre, Fene) e diversos murais cerámicos en
Burela, A Coruña, Viveiro, etc.
Ao
longo da súa traxectoria profesional ten colaborado en numerosos proxectos para
libros, revistas, discos ,carteis…
Na
actualidade traballa recuperando pezas da nosa tradición e na súa colección
para o museo que recollerá a súa obra en Esmelle (onde en 2013 foi nomeado
Esmudiense de honra). Tamén continúa no estudo para levar a cabo a obra dun
retablo cerámico para a Catedral de Mondoñedo. Ademais, dende hai uns anos
colabora na Escola de cerámica Rio Va de Maniños (Aetna) .