A
igrexa parroquial acollerá o recital este venres ás 20.30 horas
O
ciclo de Nadal do Concello de Fene continua este venres 22 de decembro cun
concerto na igrexa parroquial de Sillobre a cargo do grupo Proxecto Vocal
“Concerto Tempo”. Neste recital, previsto para as 20.30 horas, os/as
compoñentes da formación interpretarán a capela temas de estilos, épocas e
autores moi variados. Actividade recomendada para todos os públicos.
Fundado en setembro de 2006, o Proxecto Vocal Concerto Tempo nace
como unha necesidade de alimentar as inquedanzas musicais dun grupo de mozas e mozos da comarca de
Ferrolterra. A relación dos integrantes da agrupación coa música é moi
importante xa que a maioría están vencellados co ensino ou a aprendizaxe
musical, ou ben por pertencer a outras formacións vocais (algúns dos seus
integrantes forman parte do Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia).
O repertorio de Concerto Tempo abrangue un amplo abano de xéneros
musicais que van dende o Renacemento até a música contemporánea, incluíndo
música popular e música de cine, á vez que colabora en proxectos de música
pop-rock con artistas de recoñecido prestixio a nivel nacional.
Concerto Tempo deuse a coñecer primeiramente en Galicia, sendo
seleccionado para o concerto final dos dous últimos certames “En Clave Coral”,
organizados pola Federación de Coros de Galicia. Foi ademais elixido para
realizar a estrea absoluta de diferentes obras de compositores galegos, como
Xan Viaño, compositor que da nome ao Conservatorio Profesional de Música de
Ferrol, ou Daniel García Artés.
Máis tarde, sae de Galicia para participar no Certame Nacional de
Infiesto, Asturias, onde gaña o primeiro premio e o premio á mellor
interpretación da obra obrigada en 2011, e o segundo premio ex aequo en 2009,
quedando deserto o primeiro premio.
En 2015 gaña o III Certame Coral Vila de Arbo, levando tamén o
premio á mellor interpretación da obra obrigada.
O seu director, José Antonio García Mato, é profesor de música no
Instituto de Ensino Secundario de Ortigueira, membro do Coro da Orquestra
Sinfónica de Galicia e xefe da corda de tenores do mesmo. Entre os anos 2010 e
2013 foi codirector do Coro Joven da Orquestra Sinfónica de Galicia.