Foto cedida por el Concello |
O prendido das luces que adornan as
rúas da zona urbana -e tamén distintos puntos das parroquias- producirase ás
18.00h. Será o arranque oficial dunhas festas caracterizadas polas reunións
familiares, os eventos culturais e deportivos e tamén polas compras masivas. O
Concello destina cerca de 12.000 euros a este apartado co obxectivo de que o
territorio se mostre vistoso e como un xeito de apoiar a hostalaría e o
comercio local nunha época en que se concentra boa parte do seu negocio de todo
o ano.
A instalación dos motivos luminosos
do Nadal encargóuselle á empresa Cabliseña S.L., que xa ten colocados no seu
sitio desde hai algúns días os arcos, as guirnaldas e outros dispositivos,
todos eles con tecnoloxía led. A maior parte deles están no casco urbano
dispostos sobre as principais rúas e avenidas, aínda que nalgúns puntos tamén
se aproveitan farolas e árbores como soporte da ornamentación. É o caso, por
exemplo, do parque da Praza Verde, do contorno da igrexa do Salvador ou da
Avenida das Pías, onde se contan 18 luces de distintos tipos.
Marqués de Figueroa e Naturais de
Fene, como principais eixos viarios e comerciais do municipio, dispoñen de 23 arcos
luminosos, San Valentín conta con outros 8, na Rúa do Concello instaláronse 3
(ademais de decorar a fachada da casa consistorial) e entre Eduardo Neira,
Antonia Montero, Olmeiros, a Avenida de Conces e a Estrada da Fraga suman
outros 10.
O alumeado do Nadal tamén se estende
fóra do centro urbano, colocado preto de locais sociais e en zonas das
parroquias onde se dá a maior concentración de poboación. Así, en Maniños,
Limodre, Barallobre, Sillobre e Magalofes puxéronse nos últimos días 26 arcos
led, que elevan o total do territorio a 88 dispositivos instalados.
A Concellaría de Promoción económica
e Turismo inviste un total de 11.839,85 euros, nos que se inclúe a montaxe e o
mantemento das luces xunto co consumo eléctrico e as autorizacións para a conexión
de todos os elementos á rede.
Para o alcalde, Juventino
Trigo, este investimento ten principalmente dúas finalidades. A primeira
"que o municipio luza bonito nunhas datas tan especiais coma estas" e
a segunda, e máis importante, que o alumeado "contribúa a crear un
ambiente acolledor nas rúas que nos anime a saír, a disfrutar coas amizades e a
facer as nosas compras sen necesidade de marchar a outros lugares". Neste
sentido o rexedor local animou a apoiar a economía local que representa o pequeno
comercio e a hostalaría. "En Fene temos de todo con bo servizo, calidade e
a prezos tan competitivos coma en calquera sitio. ¿Para que ir buscar lonxe o
que podemos atopar ao pé da casa?."