Baile
moderno, bailes de salón, judo, ximnasia artística, patinaxe e piscina. Son
algunhas das disciplinas deportivas que cobrarán protagonismo este Nadal no
Concello de Fene. A concellería de Deportes anuncia que o vindeiro luns, 11 de
decembro, abre o prazo de inscrición para todas aquelas actividades que o
precisen coma o campamento lúdico de Nadal “Campanadal” ou a actividade de
patinaxe para nenos/as e adultos. As persoas que desexen anotarse en calquera
destas actividades poderán facelo do 11 ao 20 de decembro nas dependencias
administrativas do pavillón polideportivo da Xunqueira en horario de luns a
venres, de 9.00 a 13.30 horas, e os días 13 e 20 de decembro tamén en horario
de tarde, de 16.00 a 19.00 horas
Segundo
informan dende a concellería de Deportes, para outras actividades coma os xogos
acuáticos en familia, non será preciso inscribirse previamente. Por outro lado,
a Carreira San Silvestre de Fene, que este ano terá lugar o sábado 30 de
decembro, rexerase polo seu propio calendario e regulamento, que será publicado
en próximas datas.
Coa VII
Exhibición Solidaria de Baile Moderno e Bailes de Salón comezará este sábado
9 de decembro o ciclo de
actividades deportivas que organiza a Concellería de Deportes para o Nadal.
Este primeiro evento terá lugar no Pavillón da Xunqueira (San Valentín), de 17.00
a 19.30 horas e contará coa participación das Escolas Municipais de Baile de
Fene e Neda, Academia de baile Fusión Dance, Zona Dance, All Dance Studio, C.B. Móvete, C.B. Narón e
Boris Pico Dance Center. No decurso desta exhibición, que organizan a
Concellería de Deportes de Fene e a asociación xuvenil Fene Movemento, farase
unha recollida solidaria de alimentos.
Tamén
terá carácter solidario o Torneo de Minikatas de Judo que acollerá o
pavillón da Xunqueira o sábado 16 de decembro, de 10.30 a 13.00 horas,
coa participación de distintas escolas e clubs de judo da comarca. Neste caso
recolleranse alimentos e material escolar en bo estado. A entrada será libre e gratuíta námbolos dous
eventos.
A
programación deportiva de Nadal continuará o venres 22 de decembro coa IV
Exhibición de Ximnasia Artística de Nadal, a cargo do alumnado do Club
Escola Ximnasia Artística Ferrolterra. A actividade, aberta a toda a poboación,
terá lugar no pavillón do Ramo (Barallobre), de 17.00 a 20.00 horas. A entrada
será gratuíta.
Co
comezo das vacacións escolares para os nenos/as, principiarán tamén os cursiños
deportivos de Nadal do Concello de Fene. Dende a Concellería de Deportes
anúnciase para o martes 26 de decembro
o arranque do campamento lúdico deportivo de Nadal para peques “Campanadal” (precisa
inscrición previa) no Pavillón da Xunqueira. Trátase dun campamento orientado
aos máis pequenos, nenos/as nados/as de 2008 ao 2013, no que realizarán un
montón de actividades variadas: xogos, manualidades, multideporte, baile,
música,.. con contos cheos de maxia,
con historias e personaxes propias do
Nadal que farán que os nenos e nenas se sintan a gusto, compartan, aprendan e
gocen do Nadal. O campamento terá unha duración de 6 días (26, 27 e 28 de
decembro e 2, 3 e 4 de xaneiro) e o horario será de 10.30 a 13.00 horas . O
custe da actividade ascende a 15,70 €/participante e o número de prazas é
limitado (22).
O
mesmo martes 26 de decembro,
comezarán tamén na Xunqueira os cursiños de patinaxe para nenos/as
(nados/as no 2013 e anteriores) e adultos, con tres grupos de
aprendizaxe en cada hora que se distribuirán segundo as idades e o nivel dos/as
participantes (dende iniciación a técnicas avanzadas). As clases de patinaxe
terán unha duración dunha hora (de 10.00 a 11.00 e de 11.00 a 12.00 horas) e
desenvolveranse os días 26, 27 e 28 de decembro e 2, 3 e 4 de xaneiro. Número
de prazas limitado (24 en cada quenda). Para esta actividade, que terá un custe
de 6.25 €/persoa, será precisa inscrición previa. Ademais, os/as participantes
deberán levar patíns, casco, xeonlleiras e muñequeiras. Número de prazas
limitado (24 en cada quenda).
A oferta de obradoiros de
Nadal do Concello de Fene compleméntase este ano cunha nova edición dos “Xogos
acuáticos en familia” na Piscina Municipal de Centieiras. Con esta
actividade, o Concello de Fene oferta a nenos e nenas a posibilidade de asistir á piscina para
realizar actividades lúdicas utilizando o material da propia instalación. Cada
neno/a deberá estar acompañado por un adulto (no caso de irmáns, pode ser máis dun neno/a acompañados
polo mesmo adulto). Así, dende o 23 de
decembro de 2017 ao 7 de xaneiro de 2018 (de luns a venres e domingos), o
Concello reservará tres rúas da piscina municipal para esta actividade, de 11:15
a 13:30 horas. Non é necesario realizar inscrición previa. Abonda con asistir e participar (aboando só a entrada do
adulto que custa 3,25€), aínda que os/as usuarios/as poden facer reserva da rúa
antes de ir, co fin de garantir que haxa espazo libre.
Xa por último, a Concellería
de Deportes está a organizar para o sábado 30
de decembro a tradicional Carreira Popular San Silvestre de Fene que se
desenvolverá polas rúas do concello a partir das 16.30 horas. Terá un
percorrido de 3.800 mts. Tamén haberá unha andaina de 2.600 mts. e diversas
carreiras para os máis pequenos, atendendo ás seguintes categorías:
-
Pitufos e prebenxamíns: 100 mts.
-
Benxamíns: 500 mts.
-
Alevín e infantil: 800 mts.
-
Cadete e xuvenil: 2.600 mts.
O regulamento da proba e a información sobre as
inscricións para esta nova edición da San Silvestre de Fene publicarase en
próximas datas.
Máis información sobre a programación deportiva
de Nadal do Concello de Fene:
No pavillón polideportivo da Xunqueira (San
Valentín). Teléf. 981 492 804
No departamento de Deportes do Concello de
Fene. Teléf: 607 615 962 / 981 340 366
Na páxina web do Concello de Fene
(www.fene.gal)
ORGANIZA: Concello de Fene
COLABORAN: Club Artes Marciais Fene,
Club Escola Ximnasia Artística Ferrolterra, Servicios Deportivos Galicia
(Sedega), Asociación Xuvenil Fene Movemento, Club Atletismo Fene e Floristería
Lotto.
-