Coa celebración do XVII Festival
de Panxoliñas que terá lugar o sábado 16 de decembro, a concellería de Cultura
de Fene abrirá este ano a súa programación de actividades de Nadal. O ciclo
inclúe un percorrido do Apalpador polos distintos centros escolares do
Concello, os tradicionais festivais das escolas municipais de piano e guitarra,
un concerto de Nadal e diversas actividades de maxia, teatro e contacontos.
Tamén se anuncian dúas exposicións na Casa da Cultura e, ao remate das festas,
o venres 5 de xaneiro, a cabalgata das SSMM os Reis Magos de Oriente e unha
festa infantil na praza do alcalde Ramón Souto González.
O CMI Unidade de Fene acollerá o
sábado 16 de decembro, a partir das 20 horas, o XVII Festival de Panxoliñas
“Concello de Fene”. Actuarán: a Rondalla Perla do Río, o Tradicoro,
as corais Eterna Xuventude, Agarimo de Sillobre, CPS de San Valentín e O Pote,
e a rondalla Estrelecer.
O luns
18 e o martes 19 de decembro, o Apalpador achegarase aos colexios de Fene no
marco da actividade “A historia do Apalpador”. O luns visitará o CPI A Xunqueira, o CEIP Centieiras e o CPR Jorge
Juan, e o martes pasará polo CEI Sillobre, polo CEIP Os Casais e polo CEIP O
Ramo. En “A historia do Apalpador”, o actor e contacontos Pedro Brandariz explicará
aos escolares de Fene como é o día a día do Apalpador. Contaralles que vive no
Courel e que, en vísperas do Nadal “apalpa” as barriguiñas dos pícariños/as,
deixándolles unha presiña de castañas e algún retrinco de madeira. Ademais,
falará da plácida vida que leva este singular personaxe no bosque e, sobre
todo, animará ás cativas e cativos coas
peticións dos agasallos, para que pidan libros en galego. O Apalpador irá
acompañado de Xía, a trasna do monte, que cantará cos/as pequenos/as a “Cantiga
do Apalpador”.
O
mesmo luns 18, a partir das 17.00 horas, terá lugar na Casa da Cultura de Fene
o concerto de Nadal do alumnado da Escola Municipal de Guitarra, e o mércores
20, á mesma hora, o da Escola Municipal de Piano.
O
ciclo de Nadal do Concello de Fene continuará o venres 22 de decembro cun concerto
en Sillobre a cargo do grupo Proxecto Vocal “Concerto Tempo”. Neste recital,
previsto para as 20.30 horas, os/as compoñentes da formación interpretarán a
capela temas de estilos, épocas e autores moi variados. Actividade recomendada
para todos os públicos.
Ademais
este ano durante o Nadal, as persoas que se acheguen pola Casa da Cultura
poderán visitar dúas interesantes exposicións: a de “Galicia-Cabo Verde: unha
Irmandade”, con fotografías de Rober Amado (até o 29 de decembro no corredor de
acceso á biblioteca municipal) e a de “Cerámicas de Pérez Porto” (até o 28 de
febreiro na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura).
As
actividades organizadas pola Concellería de Cultura de Fene continuarán o martes, 26 de decembro, ás 12.00 horas no
salón de actos da Casa da Cultura, cunha representación de “Mundo máxico”, a
cargo de Pedro Bugarín. O
espectáculo, dirixido a todos os públicos, mestura xogos de maxia cunha grande
dose de humor e ilusión.
A
maxia dará paso aos contos na xornada do mércores 27 de decembro. Ese día, ás
12 horas, o salón de actos da Casa da Cultura acollerá o espectáculo “Voute
contar”, a cargo de Vicente Mohedano (Peripecious). En “Voute contar” é posible “que algún día descubras que, dun
tempo para aquí, os humanos adquirimos a manía de contar. Contar, contar...non
só de contar contos e historias, senón de medir e contar todo con números”. Actividade
recomendada para público a partir dos 8 anos.
A
programación cultural de Nadal do Concello de Fene continuará o xoves 28 de
decembro, ás 12.00 horas, cunha actuación de Andaravía Teatro na Casa da
Cultura. Nesta actividade, titulada “Brincacontos”, sucederanse acontecementos
máxicos e misteriosos. “O descubrimento
da receta do mexunxe marrón de Testarrota causará unha grande disputa entre
dúas poderosas bruxas. Quen acadará a enerxía que transmite este misterioso
mexunxe?. Por outro lado, algo lle está a acontecer á lúa e ao sol. Serán quen
de resolvelo a miñoca inxenua, o vello grilo e a formiga obreira?. Para
respostar a estas preguntas, os membros de Andaravía Teatro convidan aos
nenos/as de 3 a 12 anos a brincar con eles o vindeiro 28 de decembro na Casa da
Cultura de Fene.
Neste
mesmo espazo, o venres 29 de decembro actuará o grupo Paso de Valverde Teatro
con “Alén. Chuquiño viaxa polo mundo”, ás 12.00 horas. “Alén
do mar e alén de todo o que coñecía, un día Chuquiño marcha á procura do seu
tío Randulfo a África, pero a viaxe vai resultar un pouco máis complicada do
que pensaba e remata coñecendo o mundo enteiro nunha travesía colorida a través
do Xapón, India, América... Conseguirá atopar o noso protagonista ao seu tío, o
explorador?”. “Alén. Chuquiño viaxa polo mundo” é unha historia de teatro
de sombras chinesas para toda a familia. Actividade recomendada para público de
3 a 12 anos.
O
mercores 3 de xaneiro, o salón de actos da Casa da Cultura acollerá ás 12 horas
o proxecto musical “Picariño”. O espectáculo, que correrá a
cargo de Senén Vaamonde e dous músicos do grupo A Roda, une tres figuras
representativas da historia da música e das letras galegas como son: Suso
Vaamonde e Pura e Dora Vázquez. A actividade está orientada a fomentar a
transmisión da lingua galega no ámbito familiar, ampliar as posibilidades de
ocio en lingua galega dos nenos e nenas e favorecer a aprendizaxe e o uso oral
do galego nun contexto lúdico. A actividade –promovida pola Rede de
Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia- está recomendada para pais e nais
con nenos/as a partir dos dous anos de idade.
E xa para pechar o ciclo, o venres 5 de xaneiro terá lugar
a tradicional cabalgata das SS.MM. os Reis Magos de Oriente. Melchor, Gaspar e
Baltasar sairán ás 18.00 horas de
Perlío (fronte Aguilar) para percorrer Avenida Marqués de Figueroa, Cruce de
Fene e Avenida de Naturais. Concluirán o seu percorrido na praza do alcalde
Ramón Souto González, onde o alcalde de Fene, Juventino Trigo, dará a benvida
aos Reis Magos e onde, a continuación, terá lugar unha festa infantil na Praza
do Concello (baixo carpa).
Dende
a concellería de Cultura lembran que os/as pequenos de entre 6 e 12 anos que
desexen participar como paxes na cabalgata das SS.MM. os Reis Magos de Oriente
poderán apuntarse a partir do vindeiro luns 11 de decembro.
Para
inscribirse, terán que entregar debidamente cuberto o formulario de solicitude
no Rexistro Xeral do Concello entre o 11 e o 22 de decembro, en días
laborables, de luns a venres e en horario de 8.30 a 14.00 horas. No caso de
cubrirse as 30 prazas ofertadas, a selección farase por sorteo público que terá
lugar no salón de sesións da Casa do Concello o mércores, 27 de decembro, ás
11.00 horas.
Os/as
nenos/as seleccionados deberán vir á Cabalgata caracterizados/as de paxes
reais; pastores/as ou apalpadores/as. A caracterización será por conta dos pais
e das nais dos menores.A organización contactará cos pais e nais, con
antelación suficiente, para indicarlles a carroza na que irán e os horarios. Os/as
nenos/as irán acompañados de 2 monitores/as por carroza.