O salón de actos da Casa da Cultura de Fene acolle
este venres, 12 de xaneiro, un concerto a cargo da guitarrista Iria Quintía
Romero. No recital, que comezará ás 19 horas (entrada libre), a intérprete
fenesa realizará un percorrido musical dende o período clásico até o actual.
Así, escoitaranse pezas de Fernando Sor, Johann Kaspar Mertz, Manuel Ponce,
Dusan Bogdanovic, etc.
Iria Quintía comeza a tocar a guitarra á idade de 9
anos en varios centros de Madrid e finaliza os seus estudos de grao profesional
no Conservatorio Xan Viaño de Ferrol coa profesora Águeda Gutiérrez, acadando o
premio de fin de grao. Posteriormente realiza os estudos superiores no CSM de
Vigo coa profesora e guitarrista Margarita Escarpa.
Na actualidade está a ampliar os seus estudos en
L’Academie Superier de Musique de Strasbourg-HEAR, en Francia, recibindo clases
dos compoñentes do Duo Melis, Susana Prieto e Alexis Muzurakis.