O Concello de Fene descubrirá este
venres unha praca conmemorativa para render homenaxe ás vítimas da chamada
“Revolta das pedradas”, liderada polas mulleres das clases populares de Fene,
Ferrol, Narón e Neda en marzo de 1918. No acto, que comezará ás seis do serán
na antiga estación de Barallobre (actual Parque de Educación Viaria),
intervirán Olaia Ledo, da Comisión da Revolta Popular Marzo 1918, e o alcalde
de Fene, Juventino Trigo.
Co descubrimento desta praca, o
Concello de Fene súmase ás accións promovidas en distintos puntos da bisbarra
pola Comisión Revolta Popular Marzo 1918 co obxectivo de lembrar uns sucesos
“que conmocionaron a sociedade do seu tempo”, á par que se rende homenaxe ás
vítimas da revolta.
A comezos do século XX, en plena
Primeira Guerra Mundial, o estado Español favorece o negocio de vender trigo e
outras materias primas aos países en conflito, desabastecendo os mercados internos.
Estes feitos fan que proliferen os acaparadores que tentan sacar uns beneficios
abusivos polas mercadorías que venden, moitas destas de primeira necesidade
coma o pan, o carbón o aceite ou a cera. Desde o goberno do estado en vez de
combater esta situación lesiva co pobo o que se fai é agravala ao impor ás
deputacións e aos concellos a recadación dos impostos de consumos. Impostos moi
gravosos e que ademais se reparten de maneira discriminatoria.
Neste contexto prende a faísca da
protesta nas principais localidades da comarca e arredores. Inicialmente, un
grupo de mulleres tenta reunirse cos alcaldes de Neda e Narón e, ao non
conseguilo, empezan unha protesta perante os negocios e comercios de diferentes
ricos da zona, sendo dispersadas por disparos e deixando, cando menos, dúas
mulleres feridas na cabeza.
Perante este sucesos, organízanse
comisións de mulleres –ás que se suman as mulleres de Ferrol, Serantes, e das
parroquias e concellos limítrofes- que cortan a subministración de alimentos e
materiais a Ferrol (cortan as rúas de acceso á cidade, así como ao porto e á
estación do tren) como medida de protesta, ao tempo que envían unha
representación a falar co gobernador.
Ademais, o comercio pecha e hai un
paro xeral no estaleiro e no arsenal. As mulleres organizan unha manifestación
ao berro de “Temos fame!, Abaixo os acaparadores!”, na que tentan asaltar os
almacéns dunha acaparadora de Ferrol, pero a manifestación é dispersada a tiros
causando a morte dun neno de 12 anos e dun mozo de 16 anos, traballador do
arsenal.
Nos días seguintes, en Ferrol as
mulleres fan un listado de prezos que negocian cos comercios e o Concello. Á
par, en Fene, unha comisión de mulleres obriga ao alcalde a asinar un documento
de baixada de prezos, namentres que en Maniños as mulleres asaltan un tren de
fariña quitándolle toda a carga e repartíndoa.
Noutros puntos da bisbarra a revolta
recrudécese como en Sedes onde unha multitude arroxa pedras contra a casa do
alcalde ao que acusan de acaparador. O conflito sáldase con varias persoas
mortas e feridas e deriva nunha multitudinaria manifestación de 6000 obreiros
en Ferrol que levan unha coroa de flores até Sedes en homenaxe ás persoas
vítimas destes sucesos.
A coñecida como “Revolta das
pedradas” prolongouse até o 18 de marzo, data en que comezan a retirarse as
tropas despregadas nas rúas, aínda que se manteñen nas estación de trens. Un
mes despois, en abril de 1918, saen da cadea, tras recibiren unha amnistía,
algunhas das mulleres que seguían presas por mor destes sucesos.