A Xunta de Galicia, a Deputación
Provincial da Coruña e o Concello de Ferrol acordaron hoxe duplicar o orzamento
destinado a financiar a comarcalización do parque municipal de bombeiros da
cidade, que actualmente xa presta servizos a outros concellos do contorno. Así
se confirmou esta mañá tras a reunión entre o vicepresidente da Xunta, Alfonso
Rueda; o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; e o
alcalde de Ferrol, Jorge Suárez.
O obxectivo do encontro foi
actualizar o actual convenio do Parque de acordo aos criterios de financiamento
acordados no grupo de traballo das emerxencias para as comarcalizacións dos
parques das cidades. Este financiamento corresponde á Xunta e á Deputación
provincial. Ademais, no encontro tamén se acordou dotar a este convenio de
comarcalización de estabilidade, xa que ata o momento se baseaba en prórrogas anuais.
A xuntanza produciuse nun clima de
vontade de colaboración entre administracións que comparten un obxectivo común:
optimizar o servizo de emerxencias co fin de prestar unha mellor atención á
cidadanía.
O Parque municipal de bombeiros de
Ferrol xa está comarcalizado e, ata o momento, ten ofrecido bos resultados. O
seu ámbito territorial de actuación directa está conformado polos concellos de
Ares, Cedeira, Fene, Mugardos, Neda, Valdoviño e, por suposto, Ferrol.
Comarcalización dos parques das
cidades
A reunión de hoxe inscríbese na
rolda de contactos que está a manter a Xunta coas grandes cidades co obxectivo
de comarcalizar os parques de bombeiros. Ata o momento, xa se mantiveron
reunións con Santiago de Compostela e Ourense. En ambos casos, certificouse o
compromiso de avanzar na comarcalización de ambos parques de bombeiros, e
abriuse un proceso de negociacións técnicas e conversas cos concellos do
contorno.
Agora, o seguinte paso foi este
acordo con Ferrol para a mellora das condicións do seu parque. E a partir de
agora, está previsto manter os próximos contactos coa Coruña e Lugo.
A comarcalización dos parques das
cidades e a creación de novos servizos nas zonas de sombra, previstas pola
Xunta de Galicia e abordadas no Grupo de Traballo polas emerxencias, permitirán
que, cando se produza unha incidencia, se estenda o tempo de resposta de 20
minutos dun 65 a un 90% do territorio e dun 87 a un 95% da poboación.
Fuente: Xunta de Galicia