Todas as actividades terán lugar na Casa da Cultura con entrada libre
Concertos, recitais, contacontos,
monólogos, audiovisuais e pintura son algunhas das propostas da programación
cultural que ofrecerá o Concello de Fene ó longo do mes de maio, mes das letras
no municipio cunha especial atención á conmemoración do Día das Letras Galegas,
adicado este ano a María Victoria Moreno.
En todos os casos, as actividades
celebraranse na Casa da Cultura, con entrada libre ata completar aforo.
Así, a concelleira de área, Rocío
Bértoa, avanza que a programación arrancará este mércores, 2 de maio, ás
18 h, con “Pakolas en concerto”. “Pakolas” é Paco Cerdeira, autor, compositor,
músico e tamén produtor de música pensada para os máis cativos. Con longa
traxectoria profesional e pasando por grupos como Mamá Cabra, do que formou
parte durante unha década, presenta en Fene un proxecto individual moi persoal
para o público máis pequeno. O artista guiaraos coa súa forza
interpretativa e o seu humor por todo un universo musical, a través da súa voz
e guitarra. A actuación inclúese no programa “Cultura no Camiño” da Xunta de
Galicia.
No marco do mesmo programa, o
seguinte mércores, 9 de maio, tamén
ás 18 h, Bellón Maceiras ofrecerá un concerto didáctico dirixido especialmente
a nenos e nenas, onde darán a coñecer instrumentos e ritmos autóctonos, ó tempo
que involucrarán ó público coa súa música para animalos a coñecer algo máis da
súa cultura aprendendo a gozar dela.
O luns 14 de
maio, ás 19
horas, a proposta cultural vén do colectivo literario Moraima de Fene e a súa
particular homenaxe a María Victoria Moreno. Ofrecerán un espectáculo
multimedia no que se combinan proxeccións audiovisuais e recitado e lectura
dramatizada de textos que achegarán ó público á vida e obra da escritora. A
actividade está recomendada para persoas maiores de 12 anos e público familiar.
O mércores
16 de maio, ás 18 h, a
narradora María Larraitz presentará en Fene “Babacontos con María Moreno”. Un
espectáculo dirixido especialmente a nenos e nenas de 3 a 10 anos e incluído no
programa “Cultura no Camiño”. Utilizando as ferramentas da narración oral
tradicionais, dará a coñecer algunhas das historias do libro “Mar adiante”, así
como contos/poemas de “Eu conto, ti contas”.
O venres 18 ás 20 horas, e para conmemorar o
Día Internacional dos Museos, o Museo do Humor programa “Anecdoloxía”, un
monólogo do cómico Oswaldo Digón que, segundo a propia definición do
protagonista, é un rexistro das crónicas que ten escoitado, vivido ou lido
mentres agardaba no aeroporto, viaxando en tren ou simplemente sentado nalgunha
cafetería. Todas elas, cunha base real e unha gran dose de comedia. Está
recomendado para público adulto e forma parte do programa “Cultura no Camiño”.
Pechando o mes, o luns 28 de maio, ás 17 horas, a Casa da
Cultura acollerá o Festival de Fin de Curso da Escola Municipal de Guitarra e,
o mércores 30, ás 18 h, será o Festival de Fin de Curso da Escola Municipal de
Piano.
A programación cultural para o mes
de maio complétase coa exposición: “Retrospectiva”, da pintora Beatriz Seijo.
Permanecerá en Fene do 4 ó 31 de maio e a mostra resume os 10 últimos anos de
traballo da artista plástica fenesa, cunha selección de obras das súas
coleccións “Gotas de Aire”, “Detalle sen Detalle” e “En que pensas?”, e na que
tamén se inclúen obras actuáis da pintora.