XXIX Feira do Libro de Ferrol abriu
hoxe as súas portas ao público e durante os seus cinco días de duración celebraranse
na praza da Constitución máis de 30 actividades relacionadas coa promoción da
lectura e o mundo da cultura, pensadas para público de todas as idades.
Sinaturas e presentacións de libros, obradoiros, actuacións musicais e ata
exhibicións de xadrez tratan de atraer o interese e a atención dos lectores
cara a esta festa.
Trátase dunha ocasión inmellorable
para que Ferrol aproveite “a presenza dos libros na rúa, os mellores
embaixadores da nosa cultura, que se instalan nesta praza da Constitución ata o
Día do Libro, cando se pechará o encontro, agardamos que cos mellores
resultados”, afirmou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, no acto de
inauguración da feira. Alí estiveron tamén o presidente da Agrupación de
Libreiros de Ferrol Terra, Antonio Martínez, o deputado de Patrimonio da
Deputación da Coruña, Xesús Manuel Soto, e o concelleiro de Cultura, Ensino e
Universidade do Concello de Ferrol, Jesús Basterrechea.
Segundo explicou Lorenzo, os libros
chegan acompañados dunha completa programación que “vailles permitir aos
lectores entrar en contacto cos seus escritores favoritos, ademais de atraer os
máis pequenos con distintas actividades pensadas para eles, desde obradoiros
ata a procura de libros perdidos, pasando pola música, un concurso de debuxo ou
os campionatos de xadrez”.
O editor Miguel Tovar, director de
Edicións Embora, moi vinculada á cidade departamental, é o pregoeiro desta XXIX
edición da Feira do Libro de Ferrol. Canda el, uns 20 autores visitarán a feira
durante estes días para presentar e asinar as súas obras, e entrar en contacto
directo cos seus lectores, co fin de arroupar as librerías presentes: Cortizas,
Galiano, Estraviz, Metrópolis Cómics, Day, Central Librera e Pedreira,
acompañadas ademais do stand de Edicións Embora e do da Deputación da Coruña.
As Feiras do Libro de Galicia
As Feiras do Libro de Galicia 2018 percorrerán ata o 25 de agosto un total de 16 concellos. Despois de Verín e Ferrol, será a quenda de Santiago de Compostela, do Porriño, de Lugo, de Ourense, de Redondela, de Ribeira, de Vigo, de Rianxo, de Ponteareas e da Coruña. Viveiro, Foz e Monforte de Lemos completan a programación deseñada pola Federación de Librarías de Galicia. A Consellería de Cultura e Educación colabora con esta iniciativa coa achega, a través da Secretaría Xeral de Cultura, de 120.000 euros para o desenvolvemento desta programación.