A concelleira
de Cultura, Rocío Bértoa, avanzou esta mañá que o Concello reeditará do 2 ó 27
de xullo “Verán máis Alá!”. A edil explica que con este programa o Concello
quere contribuír á necesaria conciliación do traballo fóra da casa e o coidado
dos fillos menores por parte das familias de Fene durante as vacacións
escolares. Así mesmo, puxo en valor o carácter didáctico de “Verán máis Alá!”:
“non se trata tan só dunha alternativa de lecer para nenos e nenas, senón que
as actividades que realizarán profundizan nuns valores e ensinanzas, neste
caso, en torno ó recoñecemento da diversidade a partir da propia identidade. De
aí o lema que acompaña o proxecto: “Somos diferentes, somos iguais”. E todo
isto, no idioma propio.
Así, “Verán máis Alá!” celebrarase do 2 ó 27 de xullo
no CEIP Centieiras, dende as 8 ata as 14,30 h. Está dirixido ó alumnado escolarizado
en Educación Infantil e Primaria, nados entre os anos 2006 e 2014. Aínda que
arrancará cada día ás 8 horas, as familias poden achegar ós seus fillos dende
esa hora e ata as 10 h, cando comece a actividade “Máis Alá!”, un espazo
lúdico-educativo non regrado no que se practicará e fomentará o galego como
lingua de uso, onde se promoverán contidos educativos transversais que
respondan aos problemas sociais e que teñan presente a formación en valores:
educación para a paz e a non violencia, a tolerancia e a solidariedade, a
identidade e a diversidade, a igualdade social e de xénero, a educación para a
saúde, o coidado medioambiental, o consumo sostible
…
Entre as propostas, haberá actividades artísticas
utilizando diferentes materiais que maximicen o potencial creativo das pequenas
e pequenos artistas; actividades formativas que apoien o currículo formal
escolar, sen perder de vista o contexto lúdico e educativo no que se
desenvolven: contafábulas, contos e xogos en inglés, ciencia divertida…; xogos
cooperativos e populares, predeporte e deportes convencionais para favorecer a
socialización, a cooperación, a tolerancia e o xogo limpo; actividades
acuáticas, con xogos na auga nas instalacións da Piscina Municipal; excursións
para coñecer o Concello e outros puntos da comarca, ou mesmo danza, música e
teatro.
Inscricións
a próxima semana
Ofertaranse
120 prazas por cada quincena e a ficha de inscrición deberá entregarse no
Departamento de Cultura e Deportes (Avenida Naturais, 44 entresollado dereita)
nas seguintes datas: a veciñanza de Fene o mércores, 6 de xuño (de 8 a 19
horas) e o xoves 7 de xuño (de 8 a 14 horas) e, os veciños doutros concellos, o
venres 8 de xuño (de 8 a 14 horas). Neste caso, só se quedan prazas vacantes,
cuestión que se anunciará na web municipal www.fenecidadan.gal.
O luns 11
de xuño publicarase a listaxe dos participantes e, a partir de aí, poderá
facerse o ingreso bancario (entregándose antes das 14 horas do venres 15 de
xuño.
A cuota a
abonar para todo o mes é a seguinte: primeiro membro da unidade familiar, 68,15
euros e, a partir do segundo, 36,70 euros. No caso da quincena, o primeiro
membro abonaría 34,08 euros e, a partir do segundo, 18,35 euros.
Así
mesmo, hai descontos para familias en situación de escasa capacidade económica
que, incluso, poden chegar á deducción do 100%.