A segunda función do ciclo de monólogos que organiza o Museo do Humor Xaquín Marín para conmemorar o seu aniversario trae este venres a Fene á monologuista, malabarista e paiasa Malala Ricoy no seu papel de Patty Diphusa. A cita co espectáculo titulado Sexo seguro. Seguro? Seguro! será o venres 14 de novembro ás 20.00 horas. Entrada de balde con invitación que se poderá recoller (até un máximo de dúas por persoa adulta) na conserxería da Casa da Cultura de Fene ese mesmo día a partir das 19 horas. Aforo limitado.
Sexo seguro... seguro? seguro! É a evolución máis didáctica do anterior espectáculo de Malala Ricoy, All You need is love?, que leva na carteira da compañía dende 2016. Que é o sexo? Que é o amor? É o sexo mellor con amor? Por onde comeza o amor? Pódese amar a alguén se non te amas a ti mesm@?
O espectáculo aborda temas complexos e mesmo escabrosos desde unha perspectiva cómica, sen restarlles importancia, pero quitando o veo que a sociedade lles impón. Trátase dun show feminista e pro-LGTBIAQ+ (e máis tódalas letras que se queiran engadir) onde a interacción constante co público crea unha atmósfera de comunicación na que flúe a emoción de ida e volta. Ademais, o show contén unha importante carga didáctica en cuestións de educación para a saúde; e unha profunda e educativa reflexión sobre o amor e a profilaxe pecha o espectáculo, deixando a todo o mundo un pouso sobre saúde sexual. E... non te preocupes, que o que pasa no show, queda no show!
Malala Ricoy ou, mellor dito, Patty Diphusa é monologuista, humorista, paiasa, animadora, presentadora, editora de video e adicta ao facebook. Naceu en 1985 e é Licenciada en Comunicación Audiovisual. Recibiu formación en clown e Artes Escénicas con profesores como Jöns Pappila, Nanny Cogorno, Pablo Pundik ou Claudia Contín. Ten estado presente en festivais como o Festival Diviertete (2º Premio 2015), o Festival Internacional de Teatro na Rúa de Getafe, o Art Street de Salou, o Myau en Albendiego, o Kontrakoriente Street Vallekas, o V Festival de artes de Rúa de Hortaleza, o Urban Talent, as Festas de San Isidro (Madrid), o Tapapiés (Madrid), o Festival Manicómicos (A Coruña) ou presentando o entroido de Arteixo, entre outros.
Trata cita deste venres, o Novembro, mes do humor continuará o venres 21 de novembro con Roi da Costa presentando o seu espectáculo “A miña vida sendo outro”.
Ciclo organizado pola Concellería de Cultura de Fene coa colaboración da Deputación da Coruña (Rede Cultural).
