Pin It

Widgets

CONTINÚA ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN PARA OS “BAUTISMOS DE MERGULLO” NO CONCELLO DE FENE



A piscina municipal de Centieiras e a praia de Chanteiro serán os escenarios dunha nova edición dos “Bautismos de Mergullo” que organiza a Concello de Fene en colaboración co Club de Actividades Subacuáticas Nautilus. Para este mes de xuño, a Concellería de Deportes programou un bautismo para nenos/as de 10 a 16 anos (gratuito) e outro para maiores de 16 (que terá un custe de 6,25 euros por persoa). As persoas interesadas en realizar calquera destas dúas actividades deberán inscribirse antes do vindeiro 12 de xuño no pavillón polideportivo A Xunqueira de San Valentín.

O bautismo para maiores de 16 anos celebrarase na fin de semana do 14 ao 15 de xuño. O primeiro día, o sábado 14 de xuño, os participantes recibirán formación na Piscina de Centieiras, en horario de 18.30 a 21.00 horas, sobre o emprego dun equipo lixeiro de mergullo (máscara, tubo e aletas), manexo e exercicios cun equipo pesado (regulador, chaleco de flotabilidade e botella) e realizarán prácticas de respiración, relaxación, normas de seguridade e sinais submarinas.. A actividade completarase o domingo 15 de xuño cun paseo subacuático na praia de Chanteiro, de 10.00 a 13.00 horas (no caso de que as condicións do mar o permitan. En caso contrario cambiarase a data para outro domingo). Nesta segunda xornada, cada alumno/a mergullarase acompañado por un monitor.
Os requisitos para poder participar nesta actividade son: saber nadar e ter máis de 16 anos (no caso de ser menores de 18 anos, precisarase tamén un permiso paterno/materno).
Segundo informan dende o Departamento de Deportes do Concello de Fene, para esta actividade hai 12 prazas dispoñíbeis que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición. O custe da actividade ascende a 6,25 euros.
De novo, este ano o Concello de Fene organiza tamén un bautismo de mergullo para nenos/as de 10 a 16 anos. Desenvolverase o sábado 14 de xuño na piscina municipal de Centieiras. Os nenos/as participantes, repartiranse en dous grupos (tres cuartos de hora cada grupo), establecéndose polo tanto dúas quendas horarias: de 17.00 a 17.45 horas e de 17.45 a 18.30 horas Neste bautismo de mergullo, os/as nenos/as aprenderán a manexar un equipo lixeiro, recibirán explicacións e presenciarán exercizos co equipo pesado (que será levado polo monitor) e, por ultimo, realizarán prácticas de respiración, relaxación, normas de seguridade básicas e sinais submarinas.
Os requisitos para poder participar nesta actividade son: saber nadar e aportar un permiso paterno/materno. O número de prazas dispoñibles para esta actividade ascende a 30 en total (15 en cada quenda) e tamén se cubrirán por orde de inscrición. Actividade GRATUITA.
Inscricións
As persoas interesadas en anotarse en calquera dos dous bautismos de mergullo que organiza o Concello de Fene, deberán achegarse polo pavillón polideportivo da Xunqueira ata o 12 de xuño, en horario de luns a venres, de 8.30 a 14.30 horas, e os mércores tamén pola tarde, de 16.30 a 19.00 horas. 
Para máis información, cómpre dirixirse ao departamento de Cultura, Deportes e Xuventude do Concello de Fene (Avda. Naturais, 44, entrechán dta.) ou chamar ao teléfono 981-340366.
Actividade realizada coa colaboración do Clube de Actividades Subacuáticas Nautilus.
NOTA:  a organización proporcionará todo o material deportivo necesario, incluídos os traxes de neopreno para o mar (no caso do Bautismo de Mergullo para maiores de 16 anos)
Tags: ,

J.Aguilar

Bienvenido a Fene.com1. Descubre el blog con noticias de Fene, Ferrol y comarca, eventos, a través de los artículos de nuestro Blog otras informaciones gran cantidad de imágenes antiguas de Fene, Ferrol y comarca, así como relacionadas con la construcción naval.