A
Concellería de Cultura de Fene organiza unha xornada de portas abertas para
animar a maiores e pequenos a visitar este singular centro expositivo
O vindeiro xoves, 18 de maio,
conmemórase en todo o mundo o Día Internacional dos Museos, unha xornada coa
que se pretende concienciar ao público en xeral sobre o importante papel dos
museos no desenvolvemento da sociedade. No Concello de Fene, o Museo do Humor súmase
un ano máis a esta festa, promovendo unha xornada de portas abertas e numerosas
actividades para gozar do museo en familia. As actividades desenvolveranse o
mesmo xoves, 18 de maio, de 17.00 a
19.30 horas, con entrada libre.
Construccións en 3d, proxeccións,
quebracabezas, xogos xigantes (catro en liña, xadrez, tangram), a árbore dos
sombreiros e ata un obradoiro de chapas no que os participantes realizarán os
seus propios deseños. Son algunhas das propostas que a Concellería de Cultura
de Fene presenta este ano de cara a conmemoración do Día Internacional dos
Museos. As áreas lúdicas, repartidas por distintas zonas
do Museo do Humor (2º e 3º andar da Casa da Cultura de Fene), estarán animadas
con temática circense e coordenadas por dous monitores de Ubuntu Xogos.
DÍA DOS MUSEOS
A rede do Consello
Internacional de Museos (ICOM) elixe cada ano un tema para o Día Internacional
dos Museos, cuxo obxectivo é “compartir as preocupacións da comunidade
museística coa sociedade”. Nesta ocasión, en 2017, o tema do Día dos Museos é
“Museos e historias controvertidas: dicir o indecible en museos”.
O ICOM é unha
organización creada en 1946 por e para os profesionais dos museos. Trátase
dunha rede única da que forman parte máis de 35.000 museos e profesionais que
representan á comunidade museística internacional. Bo exemplo da excelente
saúde da que goza este organismo é o feito de que, nos últimos anos, ao redor
de 30.000 museos de máis de 120 países do mundo veñen festexando o 18 de maio o
“Día Internacional dos Museos”.