MÚSICA, MAXIA E UN NOVO ENCONTRO
INTERXERACIONAL PARA FESTEXAR O DÍA DA PATRIA GALEGA NO CONCELLO DE FENE
O Concello de
Fene acollerá do 10 ao 15 de xullo as actividades do Ciclo do Día da Patria
Galega 2017 que organiza a Concellería de Cultura coa colaboración da
Deputación da Coruña. O programa comezará o luns 10 de xullo coa banda de
gaitas Airiños de Fene e concluirá o sábado 15 cunha actuación do cantante e
músico Roi Casal. No devir da semana anúnciase tamén un espectáculo a cargo do
Mago Paco, o tradicional Certame de Habaneiras e Canto Coral, a lectura da
declaración institucional do Día da Patria Galega e unha nova edición da Festa
da Veciñanza. Todas as actividades –agás
a lectura da declaración institucional- desenvolveranse na praza do alcalde
Ramón Souto Gonzalez, con entrada libre e baixo carpa.
O xoves 13 de xullo (20.00 horas) celebrarase no concello de Fene unha
nova edición da Festa da Veciñanza, xornada de convivencia interxeracional na que maiores e pequenos de Fene comparten unha
xornada de lecer, gastronomía e música.
As persoas que desexen asisitir á churrascada da
Festa da Veciñanza poderán mercar os seus tickets antes do vindeiro 10 de xullo
nas sociedades CPS de San Valentín, CCRD de Perlío, CMI Unidade de Fene, ACDR
Liga de Amigos de Barallobre, ACDR O Pote de Maniños, AVV de Limodre, AVV de
Magalofes ou SCRD Agarimo de Sillobre. O
mesmo día 13, na praza do alcalde Ramón Souto González, só se poñerán á venda
un máximo de 200 tickets.
Nesta nova edición da Festa da Veciñanza, os
tickets venderanse ao prezo de 5 €, podendo logo canxearse por unha ración que
incluirá prato de empanada, churrasco, bola de ovo e botella de auga.
A churrascada, que organiza a AAVV de Magalofes coa
colaboración das sociedades culturais e veciñais de Fene e do propio Concello, comezará
ás 20.00 horas e completarase a partir das 22.30 horas cun “baile actuación” a
cargo do Trío Siboney. Para os máis pequenos/as da casa, anúnciase tamén unha
zona de inchables.
Pero as actividades do Ciclo do Día da Patria
Galega en Fene comezarán xa o luns 10 de
xullo (21.00 horas) cun concerto no que a banda de gaitas Airiños de Fene presentará
o seu espectáculo “Máis que gaitas”.
O martes 11
de xullo (22.00 horas) actuará na antiga Praza do Concello de Fene o Mago
Paco co seu espectáculo “Hocus Pocus”.
As actividades do ciclo do Día da Patria Galega continuarán o mércores 12 de xullo (20.30 horas) co Certame de Habaneiras e Canto
Coral no que participarán este ano as corais polifónicas do CPS de San
Valentín, ACDR O Pote de Maniños, SCRD Agarimo de Sillobre e Eterna Xuventude
do Centro Social de Fene. Tamén actuarán as rondallas Perla do Río, do CCRD de
Perlío, Estrelecer, do CMI Unidade de Fene, e o Tradicoro.
Trala festa da veciñanza do xoves
13 de xullo, o programa que organiza a Concellería de Cultura de Fene
continuará venres 14 de xullo (20.30
horas) coa lectura da declaración institucional do “Día da Patria Galega” no
Parque Liñal do Río Cádavo, fronte ao monumento “Día da Patria”.
O ciclo pecharase o sábado 15 de
xullo co espectáculo “Son galego. Son cubano” de Roi Casal.