Piano,
guitarra, inglés, risoterapia, cociña, fotografía con móbil e cámaras compactas
e introdución á ofimática. Son as principais actividades que o Concello de Fene
oferta este ano no marco da súa programación de escolas culturais municipais
2017-2018. As persoas que desexen anotarse a calquera destas actividades
poderán facelo a partir do vindeiro luns nas dependencias administrativas do
pavillón A Xunqueira de San Valentín.
As
inscricións estarán abertas os días 2, 3, e 4 de outubro para os residentes en
Fene, namentres que os días 5 e 6 de outubro realizaranse para a totalidade da
poboación. O horario de atención ao público será de 8.30 a 14.00 horas e, o
mércores 4 e xoves 5 de outubro, tamén de tarde, de 16.30 a 19.00 horas.
Un ano
máis, o Concello de Fene inclúe na súa oferta cultural para o novo curso as
escolas de solfexo-piano e guitarra. Poderán anotarse nenos/as a partir de
cinco anos e poboación en xeral. Na escola de piano-solfexo, as aulas de
solfexo organizaranse en función do nivel/idade dos/as alumnos/as, namentres
que os horarios de práctica instrumental (1 hora á semana) escolleranse no momento de efectuar a
matriculación.
En
canto ás “Escolas Municipais de Idiomas”, salientan este ano “Xogamos co
inglés” (dirixida ao estudantado do último ciclo de educación infantil até o
derradeiro curso de educación primaria, incluído) e “Falamos en inglés” (para
persoas de 12 anos en diante, con ou sen coñecementos de inglés). “Xogamos co
inglés” concíbese como un espazo lúdico para poñer en práctica os coñecementos
adquiridos na escola a través do xogo en inglés. Pola súa parte, “Falamos en
inglés” é un espazo de encontro para practicar e conversar en inglés.
Tamén
repite na oferta de escolas culturais municipais “Licenza para rir”, obradoiro
de risoterapia para maiores de 16 anos. O taller
vai dirixido a persoas que queiran "coñecer e valorar as potencialidades
terapéuticas e curativas da risa; empregar a risa como ferramenta favorecedora
da comunicación e como estímulo da creatividade; e axudar ao corpo e á mente a
afrontar positivamente calquera situación de estrés
utilizando a risa como ferramenta terapéutica".
Outra
das propostas que inclúe o Concello de Fene na súa oferta de cursos e
obradoiros socioculturais para este ano é o taller de “Cociña para vag@s”,
actividade dirixida a persoas maiores de 18 anos. Nel ensinaranse “aquelas
técnicas e receitas que nos permitan xantar á carta todos os días e preparar
uns pratos tan ricos e ben presentados que nos permitan quedar de marabilla
cando convidemos a alguén”.
Tamén
haberá “Fotografía. Nivel iniciación”, para persoas maiores de 16 anos que
queiran iniciarse na fotografía de xeito práctico e sinxelo. Para participar
nesta actividade será imprescindible posuír un trebello con cámara dixital
(cámara compacta, smarphone, cámara de acción, etc.)
E xa
por último, no apartado de “Cursiños TIC”, salienta o de “Introducción á
ofimática. Nivel básico” (10 horas), para persoas maiores de 16 anos. O curso,
que ten como obxectivo “dar a coñecer os fundamentos da ofimática”, estructurarase
en dous niveis: iniciación, para abordar os principios básicos da ofimática, e
perfeccionamento, para explicar as ferramentas informáticas máis comúns.
O
curso nas escolas culturais, cursiños TIC e obradoiros municipais do Concello
de Fene desenvolverase do luns 16 de outubro de 2017 ao 30 de maio de 2018.
Para
máis información, pódese chamar ao teléfono das dependencias administrativas do
Departamento de Cultura, Deportes e Xuventude do Concello de Fene (981 340 366)
ou consultar a normativa xeral de matriculación na páxina web municipal www.fene.gal