A Xunta
publica hoxe o decreto polo que se declara a utilidade pública e se dispón a
urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola construción dunha senda no
Concello de Narón, concretamente entre o acceso ao Polígono do Río do Pozo e o
final da travesía do Cruceiro. Para obter máis información pódese consultar o
seguinte enlace.
Autorízase a
expropiación das 66 fincas necesarias para a execución deste itinerario seguro
e accesible para uso peonil e de ciclistas nas marxes da estrada autonómica
AC-116 (Catabois–Valdoviño). Esta actuación suporá un investimento da Xunta de
800.000 euros, dos cales 80.600 se corresponden co pago das expropiacións.
O proxecto
executarase en dous treitos: o principal, pola marxe dereita da estrada AC-116,
que permitirá completar un itinerario peonil continuo entre os puntos
quilométricos 4+120 (intersección da AC-116 coa estrada provincial DP-5408 ao
Polígono de Río do Pozo) e o 6+500, ao final da travesía do Cruceiro. Neste
treito executaranse mais de 2,2 quilómetros de sendas, que requiren da
expropiación de terreos.
Por outra
banda, na travesía de Cruceiro conservarase a beirarrúa existente entre os Pq
6+170 e 6+360, que será reparada onde se precise e limpada.
Así mesmo,
construirase un ramal de 475 metros na AC-114, que comunica a AC-116 con
Baltar, que se incluíu no proxecto tras a solicitude realizada polo Concello de
Narón durante o proceso de información pública. Esta vía, frecuentada por peóns
e ciclistas que acoden ao convento de Baltar e polos usuarios da rede de sendas
e camiños da Costa Ártabra, conta con dominio público suficiente para a
construción da senda sen necesidade de realizar expropiacións.
A senda
terá, con carácter xeral, un ancho mínimo de 2 metros e contará con cuneta e
cunha banda vexetal de separación da calzada de 0,5 metros, excepto nos tramos
con edificacións.
As obras
previstas comprenden ademais a execución dunha pequena pasarela para salvar o
rego do Val (p.q. 5+180 da AC-116), ademais da reposición e ordenación dos
servizos afectados pola actuación.
A Axencia
Galega de Infraestruturas está a ultimar a redacción doutro que permitirá
continuar o itinerario para peóns e ciclistas na AC-116 dende a travesía de
Cruceiro (p.q. 6+500) ata Lago (p.q. 12+360), punto final da estrada, no
Concello de Valdoviño, polo que coa execución dos dous proxectos existirá un
itinerario peonil continuo de mais de 8,2 quilómetros nesta estrada autonómica,
ao que se engaden os 0,48 quilómetros do ramal na AC-114.
Esta
actuación forma parte do Plan de sendas de Galicia na comarca de Ferrol no que
se prevé construír máis de 13 quilómetros de novas sendas, cun orzamento que
supera os 4,1 M€.
Fuente: Xunta de Galicia